López-Chaves considera que Caballero non dixo a verdade sobre as prazas nas escolas infantís de Navia e Mestres Goldar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, compareceu esta mañá en rolda de prensa para informar da situación na que se atopan as escolas infantís Mestres Goldar e Navia para nenos e nenas de 0 a 3 anos da cidade olívica tras as últimas declaracións feitas polo alcalde Abel Caballero.

López-Chaves sinalou claramente que se trata da “historia dun engano” porque o rexedor “enganou ás familias durante moitos anos”. E non quixo centrarse no feito de que os seus primeiros anuncios ao respecto destas escolas datan do ano 2010, senón nas últimas datas nas que o goberno local solicita a autorización para que a apertura das escolas poida ser aprobada pola Administración autonómica, encargada de vixiar que se cumpra a normativa de seguridade establecida para as escolas infantís de 0 a 3 anos. “Lanzou un engano masivo aos pais afirmando que Navia e Mestres Goldar non se abrían porque a Xunta non quería, cando o certo é que nin solicitara autorización nin as escolas cumprían os requisitos mínimos dun centro onde van a ir nenos e nenas de 0 a 3 anos”, dixo o delegado.

Foi no mes de outubro cando os técnicos autonómicos xiraron unha visita de comprobación aos centros concluíndo nos seus informes que “non se axustan ao proxecto” ademais de requirir obras de adaptación posto que amosaban graves deficiencias arquitectónicas, materiais e documentais. “Caballero quería abrir unha escola infantil sen os requisitos mínimos que esixe a lexislación”, concluíu o delegado, tirando de hemeroteca e facendo referencia ao feito de que no pasado mes de setembro o alcalde dicía que poderían abrir xa. “Non se podían abrir por falta de cumprimento da normativa legal”, insistiu López-Chaves, quen matizou que a Xunta velou pola seguridade dos nenos e nenas de 0 a 3 anos.

E a mostra disto, coma especificou, é o feito de que o Concello tivo que contratar o pasado 23 de decembro de 2015, novas obras de adaptación en Mestres Goldar. “Tan graves eran as deficiencias que o 23 de decembro ten que adxudicar obras por 30.000 euros para adaptar a escola infantil á normativa legal”, dixo.

Con todo, e de acordo coa normativa, os técnicos da Xunta xiraron unha nova inspección esta mesma semana esperando López-Chaves que as escolas infantís “xa cumpran a normativa e se poida autorizar” a súa apertura. “Unha vez que se vexa que se fixeron as adaptacións requiridas pola Xunta para evitar por en risco aos nenos e nenas se poderá autorizar a apertura”. Aínda así, o delegado quixo deixar claro que “houbo un engano continuo” por parte do alcalde de Vigo “anunciando que non se abrían porque a Xunta non quería” cando o certo era que “nin a Xunta nin o Concello poderían abrilas porque estaríamos a por e grave risco aos nenos e nenas de 0 a 3 anos”

11 de febreiro de 2016 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.