publicidade hoxe

López Abella recoñece o labor do CIM da Laracha na loita contra a violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+
López Abella na visita ao CIM da Laracha

López Abella na visita ao CIM da Laracha

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella puxo en valor o traballo que desenvolve o Centro de Información ás Mulleres da Laracha na loita contra a violencia de xénero, un labor que foi recoñecido recentemente polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e a Federación Española de Municipios e Provincias co Premio ás Boas Prácticas Locais.

Durante á visita ao centro, López Abella destacou o o papel clave que desenvolve esta entidade para as mulleres do municipio. O CIM non só avalía cada caso de forma específica e individualizada, senón que fai un seguimento exhaustivo e alerta ás forzas de seguridade en caso de que perciba un posible caso de violencia machista, aínda que a vítima non denunciase por medo a posibles represalias da súa parella ou exparella.

Cómpre destacar que a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, leva investidos máis de 280.000 euros desde 2009 para o mantemento do Centro de Información á Muller da Laracha. Ademais, nos últimos cinco anos, o Concello da Laracha recibiu 57.000 euros a través da convocatoria anual para entidades locais para levar a cabo programas e actividades de prevención e tratamento da violencia de xénero, conciliación e coeducación.

Premios Boas Prácticas

A IV edición dos Premios ás Boas Prácticas Locais recoñece iniciativas municipais novidosas e eficaces en sensibilización, prevención e atención contra a violencia machista.

En total foron nove os concellos galardoados cuns premios que reflicten a importancia da coordinación entre administracións para facer máis eficiente a loita contra a violencia machista.

En concreto, A Laracha acadou o premio na categoría de atención e apoio ás vítimas ao valorar o xurado o excelente traballo efectuado polo CIM e o elevado grao de coordinación deste departamento cos centros educativos, médicos, así como coa Policía Local, a Garda Civil e a Subdelegación do Goberno da Coruña.

O CIM da Laracha é un servizo municipal gratuíto e permanente. As súas principais funcións son informar e asesorar desde o punto de vista xurídico ás mulleres que sofren violencia de xénero, ás súas fillas e fillos e ás persoas dependentes delas, así como proporcionarlles atención psicolóxica e realizar a labor de acompañamento. Tamén se lles ofrece información sobre os recursos dispoñibles (programas, axudas, cursos, conferencias, estudos, etc.) e, nos casos máis graves, realízanse as xestións urxentes cos servizos policiais, sanitarios, psicolóxicos, xudiciais e sociais que sexan oportunos.

Por outra banda, o CIM tamén desenvolve a función de prevención en materias de violencia de xénero e xurdimento de malas condutas, promovendo a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres coa posta en marcha de obradoiros nos centros de ensino, actividades de corresponsabilidade na aula lúdica municipal a través do programa Harmoniza e diferentes iniciativas en conmemoración do 25 de novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.

1 de febreiro de 2016 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.