Lara Méndez brinda colaboración coa xustiza na investigación sobre a recualificación de terreos
A alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez, brindou colaboración “coa xustiza” na investigación reaberta agora pola xuíza Pilar de Lara sobre unha recualificación de terreos en Santa María de Fixós, no ámbito do campo de golf.
Lara Méndez dixo que “non” tiña coñecemento do requirimento do xulgado -unha providencia do 1 de febreiro- ao concello para que identifique os concelleiros de Urbanismo no período comprendido entre 2005 e 2010.
Non obstante, ofreceu esa “colaboración coa Xustiza”. “Como non podía ser doutro xeito, porque sempre (dáse) toda a documentación que se nos pide e se fan as aclaracións”. “Entendemos que a xustiza ten que facer o seu traballo”, resolveu.
Lara Méndez asegurou que non se atopaba preocupada, nin ela nin o seu equipo de goberno, pola investigación que segue Pilar de Lara, e apelou a que “o Plan Xeral de Ordenación Municipal é un documento regulado, dos máis regulados que existen, dos máis complexos”. Ao respecto, tamén aludiu ás “case” 7.000 alegacións que se presentaron ao devandito plan.











