Juan José Martín visita o novo xulgado de reforzo de Familia en Vigo

Juan José Martín na visita ao novo xulgado
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, acompañado do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e do xuíz decano de Vigo, Germán Serrano, visitou hoxe o novo xulgado de Familia de Vigo, o terceiro co que conta a cidade desde este mes.
Ata o momento, Vigo contaba con dous xulgados de primeira instancia especializados en Familia, o nº 5 e o nº 12. Debido á pendencia de asuntos que arrastraban, o Tribunal Superior de Xustiza decidiu reforzalos cun xuíz de adscrición territorial (JAT), ao que a Xunta de Galicia lle sumou dous funcionarios de reforzo.
Posteriormente, e co fin de avanzar un paso máis, o TSXG acordou solicitar ao Ministerio o nomeamento dun letrado da Administración de Xustiza -denominación actual do secretario xudicial- e a Xunta voltou a dotalo doutros dous funcionarios máis, co obxectivo de poñer en marcha o actual xulgado de reforzo de familia en Vigo.
No antigo local das preferentes
Para ubicar esta nova unidade xudicial, o Goberno galego aproveitou o local que albergou o xulgado de reforzo de preferentes, así como o seu mobiliario e dotación informática. O mesmo ocorre coa antiga sala de vodas da Rúa Lalín, que hai meses actuaba como sala de vistas específica e que agora poderá empregar tamén este novo xulgado de familia.
Ademais de ofrecer estas instalacións, a Xunta asume o custo dos catro funcionarios que atenderán este novo xulgado, que supera os 130.000 euros. Máis adiante, en función da súa carga de traballo, Xunta e TSXG poderán estudar no seo da súa Comisión Mixta de Coordinación a posibilidade de incrementar o cadro de persoal.
O partido xudicial de Vigo comprende os municipios de Vigo, Baiona, Gondomar e Nigrán, e abrangue preto de 340.000 habitantes, é dicir, o 35 por cento da poboación da provincia de Pontevedra.











