Jesús Vázquez ve a proposta de moción de censura conxunta en Ourense un delirio de Pérez Jácome

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, asegurou este luns que a proposta de Democracia Ourensá aos partidos da oposición para a realización dunha moción de censura conxunta é un “delirio” do portavoz de DO, Gonzalo Pérez Jácome, por “chegar en calquera situación á alcaldía”.

Vázquez mostrou o seu “total respecto” á proposta presentada por DO ao resto de partidos da oposición para que abran unha consulta entre os seus militantes respecto do labor do Concello, aínda que advertiu de que forma parte da “actitude dunha persoa que baixo calquera pretexto quere chegar á alcaldía”.

“Paréceme ben que se pregunte á cidadanía e que os militantes voten”, precisou Vázquez, quen lembrou ao líder de DO que o ten tan fácil como presentar unha moción de censura e alcanzar os 14 votos”.

Respecto das críticas de DO á súa xestión, o alcalde considerou que “queda de manifesto” o traballo realizado polo Concello en oito meses de goberno, nos que se deron moitos pasos”. “Pódense buscar pretextos, pero non o de manter a cidade paralizada ou non traer investimentos importantes, como a da Fundación Amancio Ortega”, insistiu Vázquez.

Vázquez tamén destacou o impulso dado desde maio a “acordos que levaban lustros bloqueados”, así como a colaboración con Madrid, coa Xunta ou coa propia Deputación de Ourense.

ORZAMENTOS

Respecto da situación actual dos orzamentos de Ourense, o alcalde confirmou que o obxectivo do seu goberno é “presentar a proposta aos grupos”, aínda que recoñeceu que se está “pendente da aprobación” da relación de postos de traballo.

O alcalde insistiu en que a intención do seu grupo de goberno segue sendo “falar con todos os grupos”, igual que “habitualmente”, e traballar como todos os días “até última hora da tarde”.

22 de febreiro de 2016 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.