Jesús Gamallo participa en Malinas nun seminario sobre políticas rexionais e locais contra a radicalización relixiosa

Jesús Gamallo en Malinas
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou hoxe, xunto a outros membros do Comité das Rexións (CdR) e a eurodeputada española Maite Pagazaurtundúa, nun seminario sobre prevención da radicalización relixiosa celebrado na localidade belga de Malinas, onde coñeceu as políticas aplicadas a escala local para facer fronte aos extremismos violentos.
A visita organizouse no marco do traballo da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do CdR, que na súa reunión do 19 de abril votará un ditame sobre o papel das administracións locais e rexionais na loita contra o extremismo violento. Jesús Gamallo asistiu ao encontro como coordinador político da mencionada comisión no Comité das Rexións.
A posta en común das políticas de prevención aplicadas en Malinas tiña como obxectivo reflexionar sobre os mecanismos que as administracións máis próximas ao cidadán poden desenvolver no eido local e rexional para evitar que os seus veciños, especialmente os máis novos, caian nas redes do extremismo violento. Os participantes na visita puideron coñecer de primeira man e debater as experiencias do departamento de seguridade local e da policía na loita contra o proceso de radicalización, así como testemuños directos de veciños e traballadores das cidades de Malinas e Vilvoorde.
“As autoridades locais e rexionais teñen moito que dicir nesta cuestión, porque son as máis próximas aos cidadáns. Moitas rexións europeas manifestan na comisión CIVEX a súa preocupación por este tema”, recalcou Jesús Gamallo ao termo da reunión na cidade belga.
A radicalización de mozos de orixe estranxeira é unha preocupación á orde do día en boa parte dos países europeos. Malinas (83.975 habitantes), cun 13% dos seus veciños de orixe magrebí e uns 13.000 de confesión musulmá, desenvolve un traballo centrado na prevención, na seguridade e no seguimento de casos de risco. A construción da identidade, a formación sobre igualdade de xénero e contra o acoso ás mulleres e ao apoio aos estudantes procedentes de contextos familiares e sociais vulnerables forman parte da política local contra a lacra da radicalización relixiosa.
A comisión CIVEX
A comisión CIVEX do Comité das Rexións, na que Galicia participa, encárgase de políticas de cidadanía activa, inmigración e relacións exteriores, entre outras, O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Está composto por 350 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.











