Javier Escribano trasladará a Feijóo a petición dun congreso aberto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+
Europa Press

O exdeputado e candidato a presidir o PP da Coruña, Javier Escribano, informou de que inicia este martes unha rolda de contactos cos presidentes do partido en cada un dos municipios da provincia para trasladarlles a proposta de celebrar un congreso “o máis aberto posible dentro dos actuais estatutos”.

Así, proporá aos responsables en cada localidade do PP que os compromisarios poidan “emitir libremente o seu voto” o día da celebración do congreso, sen verse “obrigados a postularse publicamente por un dos candidatos, e que non sexan “unha mera correa de transmisión do chamado candidato natural”, como se referiu a Diego Calvo.

“Sería unha forma moi eficaz e sinxela de levar a cabo para acabar co dedazo dunha vez por todas”, sentenciou, nun comunicado, no que asegura que trasladará esta proposta ao presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, para que este poida “valorar a posibilidade de abrir o partido na provincia a unha iniciativa realizable e concreta de introducir a democracia nos procesos de elección interna do partido”.

Ao respecto, Escribano defendeu que “a militancia clama por poder participar en procesos transparentes” e “non dirixidos dende as cúpulas”, nos que “a democracia sexa a única ferramenta que presida o funcionamento do partido”.

“Esta fórmula para un congreso con compromisarios con liberdade de voto e con voto secreto, sen antes ter que manifestarse publicamente por un dos dous candidatos é totalmente realizable dentro do marco normativo recollido nos estatutos do partido”, advertiu, para concluír que aceptar esta proposta sería “un paso adiante e inequívoco” de Feijóo.

16 de febreiro de 2016 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.