Javier Aguilera defende a relevancia da simulación con modelos informáticos en 3D para avanzar cara á fábrica intelixente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O director do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe na Coruña que o desenvolvemento e a simulación con modelos baseados en cálculos matemáticos, apoiados na informática e no deseño en 3D, será fundamental para avanzar de forma máis áxil cara á fábrica intelixente, no marco da Industria 4.0.

Durante a súa participación na apertura do XI Foro de Interacción Matemática Industria, que se desenvolveu no CITIC, Aguilera salientou que a Xunta ofrecerá este ano, ao abeiro dun convenio entre o Igape e a Amtega, un amplo catálogo de servizos especializados para impulsar a empresa dixital e a Industria 4.0, que incluirá, neste ámbito, un servizo de modelización matemática industrial.

O Igape facilitará, ademais, un servizo xenérico de diagnóstico de capacidades e oportunidades para a aplicación de solucións Industria 4.0 e outro de acompañamento. Pola súa parte, Amtega favorecerá, no marco do acordo co Igape, servizos centrados na aplicación de solucións dixitais no mundo da empresa.

A simulación, con respecto ao comportamento de novos materiais ou pezas a partir de modelos matemático-informáticos, permitirá que as empresas poidan avanzar con maior seguridade e eficiencia, fabricando ou modificando produtos despois de comprobar como funcionan no contorno real, xeralmente industrial, ao que van destinados.

Segundo o director do Igape, a simulación mediante modelos en 3D xa está a ser empregada por empresas galegas que constitúen unha avanzada da Industria 4.0 e será cada vez máis común, especialmente no ámbito industrial, porque permitirá prescindir de maquetas e aforrar en custos e tempo.

Para o impulso da Industria 4.0, de acordo co previsto na Axenda da Competitividade, o catálogo que se ofertará este ano contempla servizos orientados a establecer novas fórmulas de produción e a impulsar a fabricación de produtos diferenciados e de calidade a través de novos modelos e procesos de deseño, creación e distribución.

Así, as pemes poderán acceder ao asesoramento especializado para avaliar a súa capacidade e as oportunidades ao seu alcance para aplicar solucións de Industria 4.0, que lles permitan unha maior flexibilización, automatización, interconexión e sustentabilidade dos contornos produtivos. Neste ámbito tamén se ofrecerá apoio para incorporar solucións organizativas e/ou tecnolóxicas para a xeración de modelos e realización de procesos de simulación industrial.

O Foro de interacción matemática industria, promovido polo Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, ten entre os seus obxectivos o de promover solucións ás necesidades da industria e da empresa, en relación cos métodos matemáticos, a simulación numérica ou estatística. No encontro participaron importantes axentes deste ámbito como o Centro de Innovación Aeroespacial, Cetus Group, o Cluster da Madeira ou Soltec Ingenieros.

12 de febreiro de 2016 | 13:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.