publicidade hoxe

Infraestruturas licita as obras de mellora da seguridade viaria en tres travesías de Chantada e Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaChantadaMonforte de Lemos
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a licitación das obras de mellora de seguridade viaria en tres travesías dos concellos de Chantada e Monforte de Lemos mediante o investimento de preto de 600.000 euros (http://www.xunta.es/dog/Publicados/2016/20160217/AnuncioG0181-110216-0001_gl.html).

Así, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda reforzará o firme nas travesías de Chantada e de Monforte, para ofrecer unha maior seguridade aos vehículos que circulan por estas vías.

No caso de Chantada, actuarase na súa travesía, na estrada que une o municipio con Escairón (LU-533), realizando unha mellora do estado do firme ao longo de case un quilómetro. Tamén se executará a construción de tres pasos de peóns sobreelevados, nos mesmos lugares no que actualmente existen pasos convencionais, así como melloras na drenaxe.

Estas accións teñen moita importancia, posto que na zona hai instalacións escolares próximas e, con elas, increméntase a seguridade. Para levar a cabo estas accións será preciso unha achega económica de arredor de 200.000 euros por parte do Goberno galego.

No que se refire ao Concello de Monforte de Lemos, executaranse reforzos de firme en dúas travesías: na que vai cara á N-120 (estrada LU-661), onde se actuará nun treito de medio quilómetro; e na que se dirixe á vía de altas prestacións Lugo-Monforte (estrada LU-617). Nestas infraestruturas viarias rehabilitarase a capa de rodadura ao longo de 1,4 km; aumentando tamén a seguridade viaria cunha nova glorieta, pasos de peóns sobreelevados e unha mellora da sinalización.

Estas actuacións suporán un novo avance na mellora da seguridade viaria dos concellos do interior de Galicia, o que destaca o esforzo que está a realizar a Xunta para manter nun bo estado de conservación as estradas da súa titularidade.

17 de febreiro de 2016 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.