publicidade hoxe

Industria aposta pola eficiencia enerxética para mellorar a competitividade do parque empresarial de Portomarín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPortomarín
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, no importante labor de colaboración que desenvolve cada ano coas administracións locais, está a colaborar cos concellos na habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresarias galegos. Neste contexto, e tal e como resaltou o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, durante a súa visita ao polígono industrial e comercial de Portomarín, o programa permitiu o ano pasado mellorar a competitividade do parque cunha actuación centrada na aposta pola eficiencia enerxética e as fontes renovables.

Así, salientou Bernardo Tahoces, a colaboración entre ambas administracións facilitou o impulso dunha actuación que mobilizou 120.000 euros na implantación dunha instalación fotovoltáica así como na realización de melloras no alumeado público.

O director xeral de Enerxía e Minas, que estivo acompañado polo alcalde da localidade, Juan Carlos Serrano López, resaltou a importancia dunha orde que desde o 2009 ten permitido desenvolver na provincia 61 proxectos que suman máis de 3 millóns, contribuíndo ao impulso da competitividade do tecido empresarial lucense.

Neste contexto, Bernardo Tahoces salientou que está aberta unha nova convocatoria que suma preto de 4 millóns, podendo os concellos interesados presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 22 de febreiro. A liña achega, un ano máis, apoios de ata o 80% do custo subvencionable, cun máximo de 120.000 euros por solicitude. Así mesmo, permítese o pago de anticipos de ata o 25% da axuda concedida.

A través desta liña promóvense diferentes accións que abarcan á dotación de servizos centralizados de xeración e subministración de enerxía de cara ao aforro e a eficiencia no gasto enerxético, novas plantas de depuración de augas, xestión de residuos, vías de acceso aos parques empresariais, instalacións de sistemas de seguridade e vixilancia, ou sistemas contra o roubo de cables.

O obxectivo, como apuntou o director xeral, e facer accesible aos municipios a posta en marcha de actividades que aumentan a calidade do solo industrial, co obxectivo de mellorar as infraestruturas que se lle ofrecen ás industrias para que se instalen en Galicia xerando riqueza e postos de traballo.

8 de febreiro de 2016 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.