González Formoso asegura que “a racionalización da arquitectura administrativa do Estado é unha asignatura pendente”
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, protagonizou esta mañá o ciclo de almorzos informativos “Conversas no Parador”, organizado polo Club de Prensa de Ferrol.
Durante o encontro cos medios de comunicación da cidade naval, González Formoso defendeu que “a racionalización da arquitectura administrativa do Estado é unha asignatura pendente”, na que as deputacións “son unha peza máis” e considerou que no caso de que os entes provinciais desaparezan “debe seguir garantíndose a prestación de servizos aos concellos”, xa que a labor de asistencia xurídica, técnica e económica, en especial aos pequenos e medianos municipios coruñeses, “é enorme”.
“Se se suprimen as deputacións non pasa nada, pero debe haber outro organismo que asuma as súas funcións”, afirmou antes de repasar algunhas das múltiples tarefas de apoio aos concellos que desenvolven os organismos provinciais, que van dende a confección de nóminas á recadación de impostos e taxas municipais na maioría dos concellos da provincia.
O presidente da Deputación da Coruña recoñeceu “ineficiencias”, e duplicidades na actual división administrativa, que afectan non só aos organismos provinciais, senón á administración autonómica e á estatal, así como “anacronismos”, como o feito de que a institución provincial xestione aínda hoxe un centro de menores en Ferrol e dous centros de ensino secundario na Coruña, cuestións ambas que “están enriba da mesa” en conversas coa Xunta, xa que é a administración que ten competencias en materia educativa e de política social.
Asignación obxectiva de recursos
González Formoso afirmou que o goberno da Deputación que preside está a aplicar un novo modelo de xestión consistente en “asignar recursos obxectivamente, reducindo a discrecionalidade” a través de plans cuxas bases xeran consenso entre todos os alcaldes da provincia. Esto permitirá reducir as subvencións nominativas da Deputación a menos dun 5%, pasando dos 30 millóns a menos de 7 no actual mandato.
Tamén defendeu que “a función da Deputación e atender aos pequenos e medianos concellos” e recoñeceu que plans como o DTC 93 do anterior goberno provincial “afastouse dos criterios unánimes do POS e priorizou a inversión nas cidades”.











