González Formoso afirma que a xeración de emprego será a política prioritaria da Deputación da Coruña
A posta en marcha de iniciativas de apoio ao tecido produtivo que contribúan á recuperación económica e á xeración de emprego será a política “transversal” e “prioritaria” da acción do Goberno da Deputación da Coruña durante o presente mandato.
Así o afirmou esta mañá o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, durante o acto de inauguración en Santiago do II Encontro para Directivos Líderes “100 consellos para o 2016”, no que participaron tamén o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e un total de 10 recoñecidos empresarios e xestores de empresas galegas, que ofreceron a súa visión e os seus puntos de vista sobre a actividade empresarial no noso país.
“A nosa actividade diaria implica proximidade, coñecemento e intención de escoitar ao noso tecido empresarial”, afirmou González Formoso, que definiu a provincia coruñesa como “o motor económico de Galicia” e lembrou que achega máis de 38.000 millóns de euros ao PIB estatal, o que a converte na quinta do Estado na clasificación de facturación das súas empresas.
O presidente da Deputación , que está a realizar nos últimos meses unha rolda de encontros e visitas a empresas da provincia, gabou “o esforzo que hai detrás de cada iniciativa empresarial” e afirmou que “con traballo, convicción e perseveranza” moitos galegos foron capaces de converter pequenas empresas en grandes grupos multinacionais nos últimos anos.
“Ofrecémonos para seguir escoitando ao sector empresarial. Imos a seguir aportando o noso gran de area en cada exercicio e en cada presuposto”, concluíu.











