publicidade hoxe

Gastronomía, carrozas e música centran os actos de Entroido en Ares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAres
A-
A+

O Concello de Ares, a través da área de Cultura, organiza unha serie de actividades para celebrar as festas do Entroido, que no caso da vila terán os seus días “grandes” o domingo 7 e o mércores 10, festividade local.

As actividades do domingo comezarán ás 13.00 horas na Praza da Constitución, lugar central de tódolos actos, onde haberá instalada unha carpa para a celebración dos mesmos. Así, os asistentes poderán participar na degustación de produtos gastronómicos tales como cocido, churrasco, pulpo ou postres típicos, nos postos instalados pola hostalería local. Ademais, a degustación estará acompañada da actuación da Banda de Gaitas “Ría de Ares” que amenizarán coa súa música aos asistentes.

Xa á tarde, a partir das 17.30 horas, continuará a festa, neste caso amenizada polo solista “Angelo”, quen ofrecerá ao público un amplo repertorio musical. A partir das seis da tarde comezará un gran sorteo de agasallos correspondente á Ruta dos Pinchos “Andar de bAres”. Por un lado, entregaranse os premios aos establecementos hostaleiros gañadores da ruta, isto é, os que conseguiron maior puntuación entre os participantes. Así, o pincho máis popular resultou o “Cocido estilo Gaiteiro” do Café Bar O Gaiteiro;  o segundo lugar foi  para a “Filloa salgada” do Bar El Puente; sendo o terceiro posto nas votacións para a Hamburguesería o Lago, co seu “Sorbete de grelos con cruxinte de xamón e cocido encroquetado”. Ademais, haberá un sorteo de múltiples agasallos entre tódolos participantes que completaron a ruta.

Tras isto, sobre as oito, haberá outro sorteo de agasallos entre todos aqueles que acudan disfrazados a esta xornada festiva.

En canto ao mércores 10 (Mércores de Cinza, festivo local de Ares), o programa de actividades iníciase ás cinco da tarde coa concentración dos entroidos e das carrozas da Asociación Cultural O Tilo fronte o Centro de Saúde, de onde partirán para participar nun desfile polas rúas de Ares. Unha vez chegados á Praza de Constitución, ás 17.30 horas, haberá unha sesión de zumba para tódalas idades. A continuación, sobre as 18.30 horas, haberá degustación de orellas e chocolate quente ao prezo popular dun euro. Ás 20.30 horas, e como todos os anos, producirase a queima dos entroidos na praia de Ares.

4 de febreiro de 2016 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.