Francisco Conde participa no IV Foro Empresa Pontevedra impulsado por AEMPE e AJE

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+
Francisco Conde no Foro Empresa Pontevedra

Francisco Conde no Foro Empresa Pontevedra

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe o impulso ás “industrias comprometidas a longo prazo con Pontevedra e con Galicia” como clave para xerar emprego e servir de elemento tractor para as pemes da comunidade. Conde participou no IV Foro Empresa Pontevedra, impulsado por AEMPE e AJE Pontevedra, no que defendeu o horizonte dunha Galicia como “potencia industrial forte e competitiva”. Para acadar esa meta, o conselleiro chamou a todas as administracións a “volcarse en apoiar a fixación de industrias comprometidas” co territorio, xeradoras de emprego e que invistan na transformación tecnolóxica da fábrica intelixente.

“Esta comunidade foi sempre aliada daqueles que queren investir e xerar emprego a longo prazo: buscamos socios estables, desde o aeronáutico ao naval, para que tiren das nosas pemes”, dixo Conde, que subliñou a importancia da implicación pública co tecido fabril para xerar empregos estables e de calidade. “Cando unha administración está por facilitar as cousas, o emprego crece, como está a pasar en Galicia”, defendeu o conselleiro. “De aí que elaborásemos a Axenda de Emprego de Galicia, e lle désemos ese carácter transversal, integrándoa co resto de políticas económicas e industriais do Goberno galego”. Poucas semanas despois de anunciala no Parlamento, resaltou Conde, a Consellería de Economía, Emprego e Industria xa puxo en marcha convocatorias por preto de 100 millóns de euros, activados para mellorar a empregabilidade dos galegos.

Conde ligou ese compromiso da Xunta e do Goberno central co emprego aos bos datos rexistrados por Pontevedra tanto na EPA, onde o municipio amosou o seu mellor resultado desde 2009, como no paro rexistrado, pasando de 8.416 desempregados a principios de 2015 a 7.652 a principios de 2016, preto dun 10% menos.

Ademais, o conselleiro resaltou que a loita contra o desemprego pasa por facer máis fácil o labor do tecido empresarial tanto apoiando os seus investimentos, como derrubando barreiras burocráticas. No primeiro eido, apuntou a importancia de que a Xunta activase desde principios de ano convocatorias que suman 200 millóns de euros en apoios, apuntalando con avais, préstamos e axudas o labor das pemes e dos emprendedores. E con respecto ao segundo ámbito, Conde subliñou o esforzo para acabar co “volva vostede maná”.

Neste senso, resaltou que “hoxe temos un sector público máis pequeno que o que existía hai 11 anos; Galicia foi elixida pola OCDE como exemplo de boas prácticas administrativas; temos reducido e feito máis sinxela a lexislación; temos aprobado Lei do Emprendemento, coa que eliminamos as licencias de actividade, substituíndoas por unha comunicación previa ao Concello; e fai poucos días activamos a Oficina Doing Business”, un mecanismo pioneiro co que a Xunta busca identificar as barreiras burocráticas e as posibles propostas para superalas. A través da web da consellería, empresas, particulares e asociacións pódense dirixir directamente á Xunta para denunciar barreiras administrativas, propor suxestións de cambios lexislativos, ou solucionar problemas concretos sobre os proxectos en tramitación.

Conde resaltou ademais a importancia que, máis alá destes apoios, teñen para Galicia a estabilidade política; a confianza de emprendedores,e empresarios e axentes sociais nas institucións e nun proxecto político sólido; e unha planificación a medio e longo prazo por parte do Goberno galego que permite ás empresas facer previsións, e planear os seus propios investimentos. Unha estabilidade que, defendeu o conselleiro, se traduce en máis empresas, e máis emprego.

5 de febreiro de 2016 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.