Francisco Conde destaca a aposta de Vrio Pack polos investimentos tecnolóxicos e a busca de novas liñas de produto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
Francisco Conde na visita á empresa Vrio Pack

Francisco Conde na visita á empresa Vrio Pack

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe na súa visita á empresa lucense Vrio Pack a constante aposta desta compañía polos investimentos tecnolóxicos e a identificación de novas liñas de produto, un eido no que ten contado co apoio do Igape. Isto tenlle permitido situarse como a maior empresa de España en fabricar bolsas de papel para o pan, producindo 950 millóns de bolsas deste material ao ano para distintos usos.

Tal e como salientou o conselleiro, o éxito de Vrio Pack foi “fundamentalmente a identificación dunha liña de produto moi demandada”, así como “investir para, a través da tecnoloxía, poder satisfacer as demandas dos clientes con produtos moi diferenciados”.

Conde subliñou así mesmo o compromiso co medio ambiente de Vrio Pack. Así, a empresa non só asenta o seu crecemento nun produto en auxe polas diferentes normativas europeas que avogan pola supresión das bolsas de plástico, senón que emprega materiais reciclados e tintas non contaminantes e inviste en tecnoloxía para reducir o impacto ambiental nos seus procesos.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria salientou así mesmo o importante peso que teñen os mercados internacionais para a compañía, que exporta o 40% da súa produción a países como Francia, Irlanda, o Reino Unido ou Alemaña, e destacou que coa nova liña de produción que Vrio Pack prevé implantar a partir deste mesmo ano a empresa poderá incrementar as súas exportacións.

Neste sentido, Conde destacou que empresas como Vrio Pack, que aposta “polos investimentos en tecnoloxía” e esa “visión de innovación, internacionalización e diversificación” contribúen a que as exportacións de Lugo medrasen en 2015 un 17,1%. Isto situouna como a provincia galega cun maior incremento, e logrando un récord histórico.

26 de febreiro de 2016 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.