Francisco Conde avalía cos empresarios do Salnés os novos apoios e ferramentas para dinamizar a economía da comarca

Francisco Conde na xornada con empresarios en Vilagarcía
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá nunha xornada de networking con empresarios de Vilagarcía de Arousa e da comarca do Salnés co obxectivo de trasladarlles as principais liñas de actuación da Consellería, que ten activados xa neste primeiro mes preto do 70% dos programas de axudas para este 2016.
Conde destacou que o obxectivo é facilitar “todas as iniciativas en materia de investimentos, internacionalización, innovación, formación e incentivos ao emprego e eficiencia enerxética” no actual contexto de recuperación económica. Neste sentido, o conselleiro lembrou as boas cifras que se están a rexistrar “a nivel macroeconómico, a nivel de produción industrial, a nivel de exportacións e incluso de evolución do paro”, sinalando que Galicia está a niveis de desemprego inferiores aos de hai cinco anos.
Francisco Conde fixo fincapé en que “temos que traballar para que estes datos macroeconómicos cheguen dunha forma definitiva para quedarse” e se trasladen tamén “ás familias e a todos aqueles traballadores que queren ter unha oportunidade para desenvolver a súa actividade profesional”, apuntando que “o tecido empresarial é clave para xerar estas oportunidades”.
Na súa primeira visita á Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía trala aprobación da fusión, o conselleiro destacou que esta é “un exemplo claro de como se pode establecer unha alianza para dar un servizo mellor e máis eficaz aos empresarios”, lembrando que o novo ente presta servizo a 80.000 compañías en 55 concellos da provincia e sinalando que se trata dunha mostra de como “temos que sumar esforzos para dar o servizo que nos están a demandar os empresarios”.
No encontro, no que Conde tivo a oportunidade de escoitar as propostas dos participantes, avaliáronse diferentes liñas de actuación conxuntas para seguir a dinamizar a economía local e a creación de emprego de calidade.
Encontro en Valga
O titular de Economía tamén participou este mediodía no encontro anual dos empresarios de Valga. Destacou Francisco Conde que escoitar as demandas do tecido empresarial é unha das prioridades do Goberno galego, xa que, explicou, “o diálogo permanente é necesario para afrontar xuntos o camiño da recuperación económica”. Por iso, indicou a importancia de seguir afondando en novas vías de cooperación para seguir impulsando a dinamización económica da comarca de Caldas e da provincia de Pontevedra.
Por último, destacou a aposta da Xunta por incrementar o apoio á industria e ás pemes galegas, xa que “queremos facer delas un piar fundamental da modernización industrial”, rematou.
Axudas activas
Entre os diferentes programas de apoio ao tecido empresarial que ten activos a Consellería de Economía, Emprego e Industria e dos que se está a informar ao empresariado atópanse, ademais das diferentes iniciativas de fomento do emprego, os apoios por 22 millóns de euros que vén de activar o Igape para impulsar os investimentos empresariais e proxectos da Industria 4, que se suman no eido da internacionalización a convocatorias por 9,5 millóns de euros.
As compañías tamén teñen á súa disposición diferentes programas para impulsar a innovación, entre os que destaca o Conecta Peme, a cuxa terceira convocatoria se destinan 25 millóns de euros. Outra das convocatorias, dotada con 9,5 millóns, seis veces máis que o ano pasado, céntrase en promover o aforro e a eficiencia enerxética nos sectores industrial e de servizos. Tamén se veñen de activar diferentes liñas para impulsar o uso da biomasa, cun total de 8,4 millóns.
Ademais, o comercio de proximidade ten á súa disposición o novo programa para impulsar o smart commerce, a modernización e o comercio en liña, dotado con máis de 3 millóns de euros.











