Ferreiro explica que o Goberno local tenta que o Calendario Fiscal xere as menores incomodidades ás familias
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, recordou este luns que a modificación do Calendario Fiscal aprobado polo Goberno local para o ano 2016 recolle finalmente un período de catro meses para o pagamento do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), que comezará o 5 de maio e se estenderá ata o 5 de setembro, á fin de “contribuír a que os e as veciñas poidan gozar dunha maior marxe para planificar a súa achega tributaria ao Concello”. “Vimos de ampliar o prazo de pagamento deste tributo e agora estamos vendo cando se fixa o prazo de domiciliación para o 40% das persoas que se acolleron a esta opción. A nosa intención é que o seu recibo sexa domiciliado cara ao final do prazo voluntario de pago estipulado, buscando que as familias teñan maior liquidez”, explicou. “Estamos a intentar que os e as contribuíntes poidan realizar os seus pagamentos coas menores incomodidades posibles”, opinou o rexedor, que recordou que as medidas adoptadas “buscan a consecución dun Calendario Fiscal o máis razoable posible” e que a maioría das grandes cidades teñen implantado un período de pagos similar ao que agora se pón en marcha na Coruña. “A maioría de concellos de similares características teñen un calendario que concentra estes pagos entre maio e setembro. O que pasaba aquí ata agora era unha excepción”, dixo.
Por outro lado, o primeiro edil, a preguntas dos medios, indicou que mañá martes está previsto que representantes do Goberno local se reúnan cos grupos municipais de BNG e PP dentro das conversas que se están a levar a cabo por mor do proxecto de Orzamentos Municipais para este ano. “Mañá temos fixadas esas dúas xuntanzas. Entendemos que o Bloque estará acabando as propostas cuantificadas que se comprometeu a entregarnos antes da reunión. De cara á xuntanza co PP, a realidade é que non somos moi optimistas despois das declaracións que fixo esta fin de semana. Dende logo, pensamos que non amosa a mellor predisposición posible que alguén poña tantos problemas a algo xa antes de sentarse a unha mesa, e que incluso chame trileiros á xente coa que vai falar”, dixo. “Pedímoslles que leven propostas concretas á reunión de mañá. Pola nosa banda, acudirán as concelleiras de Participación e de Igualdade e Diversidade, co obxectivo de explicarlles as dúbidas que parece que lles xeraban a parte do proxecto presupostario que ten que ver coas súas áreas. Desexariamos que houbese reciprocidade e lealdade nestas conversas, e que tamén se fixese o traballo de traer propostas concretas, non brindes ao sol”, reflexionou.
Por outro lado, Ferreiro voleveu a deixar claro que, no tema dos Orzamentos, o Goberno local “mantén a porta aberta ao PSOE”. “Non tardariamos nin unha hora en voltar a sentarnos con eles se así o quixeran, aínda que os contactos aínda non se retomaron tras a semana pasada, que se lles voltou a convidar. Insistimos en que en ningún momento conversar con BNG e PP supuxo que deixásemos de atender ao grupo socialista”, indicou. “Temos a máxima disposición. Volvo a dicir que analizando os programas electorais do grupo de Goberno e do PSOE, vemos que hai moitos puntos en común que sería posible levar aos Orzamentos e, polo tanto, susceptibles de entendemento”, opinou. “Non obstante, para iso é necesario poñer enriba da mesa as prioridades, concretalas e temporalizalas, porque iso é o que diferencia un Orzamento dun programa electoral”, engadiu.
Noutra orde de asuntos, o primeiro edil coruñés referiuse ás obras do túnel do Parrote e ao seu estado. “Parece que durante esta última semana as deficiencias construtivas que presentaba o subterráneo se amañaron bastante. Aínda non sabemos se os problemas detectados están arranxados en totalidade, pero si nun grao alto. Nestes momentos, estamos pendentes de informes compartidos nos que analizaremos o estado actual da infraestutura”, explicou. “A relación, ao largo destes últimos tempos, entre o concelleiro de Rexeneración Urbana e o director da Autoridade Portuaria é constante, xa que o que queremos todos é que este vial se poña á disposición da cidadanía coas máximas garantías posibles. Aínda que quedan cuestións por avaliar, son optimista con respecto a súa pronta apertura”, resolveu.











