Feijóo volve xustificar a prórroga a Ence á que eleva as esixencias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Europa Press

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volveu a xustificar a prórroga á factoría de Ence en Pontevedra até 2073 co argumento de que a alternativa era o peche e a perda de postos de traballo, á vez que garantiu que o seu Executivo lle elevará as esixencias. Todo iso, tras lembrar que o bipartito lle deu o visto e prace á súa declaración de impacto ambiental en 2008.

“Nós fixemos o mesmo que o bipartito, acreditar que cumpre os compromisos ambientais”, sentenciou, en resposta ás duras críticas do nacionalista Francisco Jorquera, quen o acusou de escudarse nos postos de traballo cando Ence “destrúe máis emprego do que crea en Pontevedra e Galicia”, ao impor “un modelo de monocultivo forestal, un modelo depredador de recursos forestais e de postos de traballo”.

Fronte a iso, o presidente aferrouse aos 800 empregos, “máis camioneiros, máis a metade do Porto de Marín e 75.000 familias que venden madeira a Ence” e, aínda que recoñeceu unha vez máis que a el tamén lle molesta” a localización da fábrica, subliñou que o BNG nunca propuxo unha localización alternativa.

“Desde as butacas é fácil falar e a vostedes e a min estórbanos a papeleira, pero non nos estorban as miles de familias que viven da madeira en Galicia”, advertiu Feijóo, quen prometeu que o seu Executivo estará vixiante e esixirá á pasteira que “siga cumprindo” a normativa ambiental europea “por encima dos límites legais”.

Tamén lle demandará -garantiu- “que faga investimentos no ámbito do sector forestal e que traia novos proxectos industriais á comarca de Pontevedra e a Galicia”.

10 de febreiro de 2016 | 13:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.