Feijóo recorda que a denunciante de Baltar tamén está citada como investigada
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, remitiuse á valoración que faga a Xustiza sobre o caso que afecta ao presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, ao tempo que recordou que a denunciante “tamén está sendo investigada” e que a Fiscalía, que pediu o arquivo no seu día, anunciou un recurso.
Manifestouno tras ser preguntado acerca de se mantén o seu respaldo a Baltar despois de que a titular do Xulgado de Instrución número 3 de Ourense citase en calidade de investigados por un delito de suborno a Baltar e á muller que o denunciou por supostamente ofrecerlle traballo a cambio de manter relacións sexuais.
Aínda que non se pronunciou expresamente sobre o seu respaldo, Feijóo tampouco avanzou ningún paso en relación ao dirixente ourensano e limitouse a indicar que a xuíza que instrúe o caso “decidiu declarar investigados ao denunciado e á denunciante”.
“E o fiscal, polo que sabemos, volve reiterar o sobresemento e arquivo do tema”, remarcou, antes de indicar que será a xuíza a que “terá que valorar” o que propón o fiscal e, “se non o considera oportuno”, tomar declaración a ambos os dous, de forma que “terán que dar as explicacións que correspondan”.











