Feijóo di que os que declararon a Rajoy ‘non grato’ en Pontevedra levarán a vergoña de habelo feito

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Europa Press

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que, tras a súa declaración como persoa non grata en Pontevedra, o presidente do Goberno en funcións, Mariano Rajoy, seguirá “orgulloso” de ser galego e pontevedrés, mentres que, os que promoveron este pronunciamento político, terán que “levar a vergoña” de impulsar “unha decisión que convén tomarse de broma”.

“Porque nin constancia, nin sustancia; o presidente non interveu nas decisións polas que foi declarado non grato”, esgrimiu, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, na que rexeitou a participación de Rajoy na prórroga á factoría de Ence, materializada cun Goberno en funcións.

“A lei de costas estaba antes das eleccións e o que fixeron o técnico correspondente, da dirección xeral correspondente, do ministerio correspondente, é aplicar unha lei aprobada antes das eleccións; de non aplicarse, calquera podería recorrer esa resolución e gañala no ámbito xudicial”, subliñou.

Feijóo asegurou que falou deste asunto con Rajoy tanto o fin de semana como no Comité Executivo do seu partido do pasado luns e que ambos confirmaron que “lamentablemente” Pontevedra sería coñecida “por algo que non interesa a ningún pontevedrés nin a ningún galego, por ser unha cidade onde non se respecta nin o resultado das urnas”.

Así, subliñou que “o candidato Rajoy gañou limpa, clara e contundentemente as eleccións” en Pontevedra, antes de apuntar que, en resposta, os partidos que “perderon” fixeron o “paripé” da declaración como persoa non grata, que considera “inaudito”.

“Eu comprendo que haxa distintas opinións políticas, pero non é moi razoable que alguén orgulloso de ser Pontevedra e galego sexa declarado como persoa non grata”, resolveu.

25 de febreiro de 2016 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.