Feijóo chamou a Lores para evitar a declaración de Rajoy como persoa non grata

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, desvelou que o presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, chamouno coa intención de evitar o apoio do BNG á moción de Marea e do PSOE para declarar ao presidente do Goberno en funcións, Mariano Rajoy, como persoa ‘non grata’.

A chamada produciuse o domingo “á hora da misa”, un día antes da celebración do pleno municipal, para pedirlle “que non votase a favor” da moción presentada por Marea e PSOE.

Fernández Lores lamentou que o titular do Executivo galego non o chamou para outros asuntos, como desbloquear a cesión da antiga sede da Xunta na rúa Benito Corbal, asunto polo que dixo “manda a Rueda para dicir bobadas”, agregou.

Segundo explicou, na conversación telefónica Núñez Feijóo trasladoulle a responsabilidade por este nomeamento ao Bloque, aínda que a proposta partía de Marea e o PSdeG. “Nós somos xente coherente, que xestionamos como cómpre, e a min non me gusta facer ghaiteiradas na política”, agregou Lores.

O alcalde pontevedrés respondeulle que el non tiña a culpa de que a declaración de persoa ‘non grata’ interesase “até ás televisións de Alemaña” e que el preferise que estes mesmos medios de comunicación viñesen a Pontevedra cando a cidade recibe algún premio en Dubai ou Nova York. “E que nos saquen na Galega”, engadiu.

“MÁIS QUE MERECIDO”

Fernández Lores reiterou que Mariano Rajoy ten “máis que merecido” a declaración de persoa ‘non grata’ por conceder unha prórroga á fábrica de celulosa ENCE para ocupar os terreos a beiras da ría até o ano 2073.

Unha vez máis, o rexedor nacionalista criticou que o presidente do Goberno en funcións “condena” a Pontevedra a 60 anos máis de presenza de ENCE. “Logo, cae dun guindo porque o nomean persoa ‘non grata’. Que llas pense antes de facelo”, afirmou.

“Para min non é prato de gusto acordar estas cousas”, recoñeceu Fernández Lores, quen matizou que para el tampouco é “prato de gusto” dicirlle aos traballadores “que se dirixan á empresa para esixirlle que busquen outro sitio para trasladar a empresa”.

Finalmente, insistiu en que a pretensión é “reverter ese acordo”, e pediu “que revoguen a concesión por decisión xudicial, por presión social ou política”. Puxo, no entanto, o matizo de que “nada de violencia, nin sequera verbal”.

Neste sentido, o alcalde anunciou que “se mañá hai un goberno alternativo” á fronte do Estado, Pontevedra vaille a esixir “que cumpran cos seus compromisos”.

23 de febreiro de 2016 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.