publicidade hoxe

Éxito sen precedentes no Entroido de Arzúa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúa
A-
A+
Concurso de disfraces

Concurso de disfraces

Arzúa deu onte inicio á programación entroideira cun éxito absoluto de público e participación. As rúas da vila e o recinto feiral ateigáronse de xente para dar a benvida a Don Carnal.

Arzúa celebrou por todo o alto a festividade entroideira co Concurso e Desfile de Disfraces que sacou a xente á rúa para desfurtar dun dos certames máis concurridos e de alto nivel de participación dos últimos anos. O Concello de Arzúa repartiu dous mil euros entre os gañadores do concurso, nun total de doce premios. Na modalidade de comparsas resultaron gañadores “Caixas musicais”, que chegados de Vilasantar levaron o primeiro premio de 550 euros, e “Circo dil´ampa” de Melide e “Os Furacroios” de Santiso acadaron o segundo e o terceiro posto, dotados de 300 e 150 euros, respectivamente.

No apartado de grupos de entre dous e oito compoñentes, “Os Xenerais do Entroido” de Ordes alzouse co primeiro premio de 300 euros, “Os pingüinos do monte” de Arzúa co segundo de 200 e “The fantastic clowns” de Teo co terceiro, dotado de 100 euros.

Os disfraces individuais tamén se premiaban con 100, 60 e 40 euros no apartado infantil e adulto. No primeiro resultou gañadora a arzuá “Dama do iogurt”, o segundo premio foi para “Tempo Revolto” e o terceiro para a “Rata enriba do queixo”. No que respecta aos disfraces adultos, os premiados foron “Fantasía do bosque perdido”, “O enano de Mazinger Z” e “Dente de león” que conseguiron o primeiro, segundo e terceiro posto, respectivamente.

En todal achegáronse a Arzúa máis de trescentos participantes tanto do municipio como doutros concellos tan dispares como Lugo, Santiago, Ordes, Teo ou Melide. Foi un récord en número de participantes e entre todos fixeron desfrutar a un Recinto Feiral abarrotado de xente.

A programación do Entroido organizada polo Departamento de Cultura continúará o vindeiro domingo día 7 cunha gran festa infantil con inchables, futbolín humano, algodón de azucre de balde e a visita de Bob Esponja en horario de catro e media a sete e media da tarde na Praza de Galiza ou no Recinto Feiral Terra do Queixo, no caso de mal tempo.

O día seguinte, luns 8 de febreiro, véspera do festivo local, o grupo de gaitas Castro Curbín animará coa súa música as rúas e bares da vila de oito e media a once e media da noite.

E, xa para rematar, o martes día 9 de febreiro finalizará a festa cun Baile de Entroido pola tarde no que os asistentes poderán bailar co dúo musical “La Hora Bruja” e desfrutar dunha merenda a base de chocolate e doces variados. Todo isto será de seis a nove da tarde no Recinto Feiral “Terra do Queixo”.

1 de febreiro de 2016 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.