publicidade hoxe

Ethel Vázquez sinala ‘Vivendas no Camiño’ como a maior aposta pola rehabilitación no rural galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBegonte
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou hoxe que o programa ‘Vivendas no Camiño’ constitúe a maior aposta pola rehabilitación no rural galego e un novo pulo á excelencia turística de Galicia. Así o manifestou hoxe en Begonte na presentación desta iniciativa aos representantes dos 16 municipios polos que transcorre o Camiño do Norte.

Esta visita enmárcase na rolda de encontros que a Xunta está a manter cos alcaldes e representantes dos 107 concellos que integran a Área de Rehabilitación Integral dos Camiños de Santiago para abordar as subvencións do programa Vivendas do Camiño.

Na reunión de hoxe, que xa é a segunda, ofreceuse información detallada sobre un programa de rehabilitación que traerá máis de 3 millóns de fondos públicos ao rural galego e que inducirá investimentos por valor de 9 millóns, tendo en conta as achegas que deberán realizar os propios beneficiarios das axudas.

Vázquez indicou que este programa constitúe a maior aposta pola rehabilitación de vivendas no Camiño de Santiago, que é a identidade de Galicia. A titular de Vivenda concretou que con estas subvencións a Xunta financiará ata o 35% das obras de rehabilitación das vivendas situadas no Camiño; cun máximo de 11.000 euros por inmoble.

O Goberno galego, mediante estas axudas, colaborará de xeito económico cos veciños beneficiados para facer as actuacións precisas para illar mellor a súa casa fronte á auga e a humidade; mellorar a seguridade; ou facer máis accesible o seu fogar.

A conselleira precisou que este programa tamén incidirá na posta en valor a paisaxe galega, dándolle un novo pulo ao rural, traendo riqueza e emprego ás parroquias e vilas polas que discorren os Camiños. Engadiu que cómpre non esquecer que a rehabilitación de vivenda é o tipo de obra que máis emprego xera por euro investido.

Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia destacou que no pasado ano foron máis de 262 mil peregrinos os que percorreron o Camiño de Santiago e neste ano, esta cifra vai en aumento ao recoller a súa Compostela xa 1.417 peregrinos, un 7,84% máis que no mesmo período do pasado ano. Así mesmo, Nava Castro sinalou que a tendencia actual mostra un importante incremento de peregrinos estranxeiros ata tal punto que xa son máis numerosos que os nacionais.

A responsable de Turismo da Xunta resaltou a importancia da Ruta Xacobea como carta de presentación da nosa comunidade a nivel internacional. Así, Nava Castro explicou que iniciativas como o Programa de Vivendas do Camiño a prol da homexeneización e harmonización da ruta resultan fundamentais.

A responsable de Turismo da Xunta fixo tamén referencia a outras importantes iniciativas que comparten este mesmo obxectivo como a modificación do Manual de Sinalización Turística de Galicia que engadiu o apartado correspondente á imaxe e sinalización do Camiño de Santiago. “A través desta nova normativa definimos e delimitamos os elementos gráficos e diferentes aplicacións do Camiño adoptando unha medida pioneira que responde as recomendacións elaboradas no seu día polo Consello Xacobeo”, afirmou.

5 de febreiro de 2016 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.