Ethel Vázquez reúnese co alcalde de Vilagarcía para impulsar a intermodalidade entre as estacións de tren e autobús

Ethel Vázquez na reunión co alcalde de Vilagarcía. Foto: X. Crespo
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, manifestou hoxe a aposta da Xunta pola colaboración entre as distintas administracións para impulsar a intermodalidade entre as estacións de tren e autobús en Vilagarcía de Arousa.
Na reunión que esta mañá mantivo co alcalde dese concello, Alberto Varela, a titular de Infraestruturas lembrou que un dos grandes obxectivos do seu departamento é facilitar a mobilidade dos cidadáns e fomentar o uso do transporte público colectivo. Con ese obxectivo, indicou que a Xunta está a traballar para promover a intermodalidade en Galicia e a conexión entre os distintos sistemas de transporte, un fin para o que ten consignados 35 millóns de euros.
Nesa liña, Ethel Vázquez asegurou que o Concello de Vilagarcía de Arousa forma parte da folla de ruta que segue a Xunta para fomentar a intermodalidade en Galicia, unha planificación que está a ser desenvolvida de forma progresiva en distintas cidades e en colaboración coas distintas administracións competentes.
Por ese motivo, a conselleira salientou a necesidade de coordinar co Ministerio de Fomento e co operador ferroviario, Adif, así como coa propia administración local, as actuacións necesarias para facilitar un intercambio áxil e seguro dos viaxeiros entre o ferrocarril e o autobús neste municipio. Ethel Vázquez expresou a súa vontade de facilitar a dita cooperación.
Vázquez lembrou que mostra do compromiso do Goberno galego coa mellora da mobilidade dos veciños de Vilagarcía foron as obras de adecuación realizadas pola Xunta o ano pasado na estación de autobuses. Estes traballos, nos que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda investiu máis de 21.000 euros, centráronse na mellora da accesibilidade e das instalacións.
Solución á familia en risco de desafiuzamento
Ademais, durante a reunion de hoxe, a responsable de Vivenda do Goberno galego comuníicoulle ao rexedor que a Administración autonómica que a Xunta ofrecerá unha solución á familia deste municipio que se atopa en risco desafiuzamento.
Ethel Vázquez dixo que a Xunta asinou o pasado verán un convenio con diferentes entidades financeiras, entre elas a maior de Galicia, Abanca, pola que estas se comprometeron a non desaloxar ás familias afectadas por un proceso de execución hipotecaria, permitindo que permanezan na vivenda a cambio dun alugueiro social.
No caso de que o caso desta familia non encaixe nestes convenios, a conselleira asegurou que a Xunta poderá adxudicarlle unha vivenda baleira, ao abeiro do Plan de realoxos de afectados por execucións hipotecarias, un programa posto en marcha polo Goberno autonómico.











