Ethel Vázquez presenta as vantaxes do programa ‘Vivendas do Camiño’ a 35 concellos ourensáns da Vía da Prata

Ethel Vázquez na reunión con representantes dos concellos
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, trasladoulles hoxe aos representantes dos 35 concellos polo que se desenvolve a Vía da Prata que o programa de rehabilitación ‘Vivendas do Camiño’ conxuga a dinamización económica e a calidade de vida no rural coa proxección turística. A esta reunión tamén asistiron a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; e o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García.
Esta visita de hoxe enmárcase nos encontros que a Xunta está a manter cos 107 concellos que integran a Área de Rehabilitación Integral dos Camiños de Santiago para explicarlles, de primeira man, as axudas desta iniciativa posta en marcha recentemente.
Vázquez explicou que o programa de rehabilitación ‘Vivendas do Camiño’ traerá máis de 3 millóns de euros de fondos públicos ao rural galego e que inducirá investimentos por valor de 9 millóns. Concretou que a Xunta financiará ata o 35% das obras de rehabilitación das vivendas situadas no Camiño, cun máximo de 11.000 euros por inmoble.
Este programa dá un novo pulo ao rural, fixando poboación e traendo riqueza e emprego ás parroquias e vilas polas que discorren os Camiños, xa que cómpre lembrar que a rehabilitación de vivenda é o tipo de obra que máis emprego xera por euro investido.
Con estas axudas o Goberno galego busca incrementar a calidade de vida dos veciños, axudándolle a facer as actuacións precisas para, por exemplo illar mellor a súa casa fronte á auga e a humidade; mellorar a seguridade; ou facer máis accesible o seu fogar.
A conselleira indicou que estas subvencións tamén optimizarán o contorno, contribuíndo á posta en valor da paisaxe galega e facendo fincapé na excelencia turística.
Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia destacou que no pasado ano foron máis de 262 mil peregrinos os que percorreron o Camiño de Santiago e neste ano, esta cifra vai en aumento ao recoller a súa Compostela xa 1.417 peregrinos, un 7,84% máis que no mesmo período do pasado ano. Así mesmo, Nava Castro sinalou que a tendencia actual mostra un importante incremento de peregrinos estranxeiros ata tal punto que xa son máis numerosos que os nacionais.
A responsable de Turismo da Xunta resaltou a importancia da Ruta Xacobea como carta de presentación da comunidade a nivel internacional. Así, Nava Castro explicou que iniciativas como o Programa de Vivendas do Camiño a prol da homexeneización e harmonización da ruta resultan fundamentais.
A responsable de Turismo da Xunta fixo tamén referencia a outras importantes iniciativas que comparten este mesmo obxectivo como a modificación do Manual de Sinalización Turística de Galicia que engadiu o apartado correspondente á imaxe e sinalización do Camiño de Santiago. “A través desta nova normativa definimos e delimitamos os elementos gráficos e diferentes aplicacións do Camiño adoptando unha medida pioneira que responde as recomendacións elaboradas no seu día polo Consello Xacobeo”, afirmou.











