publicidade hoxe

Espectacular a primeira etapa da Interclubes da Ría de Pontevedra celebrada o pasado sábado en Aguete

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesMarín
A-
A+
Regata Interclubes

Regata Interclubes

Por fin o vento non defraudou á gran flota de cruceiros participantes (46 barcos con 267 tripulantes a bordo) e o pasado sábado á segunda foi a vencida cunha Etapa espectacular desta II Regata Interclubes da Ría de Pontevedra que até mediados de abril están a organizar o Ro Yachts Club de Combarro, Real Club de Mar de Aguete, Club Náutico de Portonovo, Comisión Naval de Regatas de Marín, Club Náutico de Beluso e Real Club Náutico de Sanxenxo coa organización técnica de Desmarque SL e coa colaboración vital da Deputación de Pontevedra, Concello de Marín, Froiz, Aselp Consultores, Informática Landín, North Sails e Eolo Náutica Accastillage & Diffusion, sen esquecernos das grandes vantaxes que as mariñas adxuntas, como son a de Porto Deportivo Combarro,  Nautico de Portonovo e Real Club Náutico Sanxenxo, dan para os barcos foráneos.

Esta segunda etapa da regata correspondeu organizala ao Real Club de Mar de Aguete en fronte do cal se realizou a saída puntual ás 14:35 horas cun vento do Suroeste que mantivo unha intensidade de entre 9 e 14 nós, mesmo con algúns refachos momentáneos que chegaron aos 20 nós. Algo de onda tamén, que puxo a proba a pericia dos patróns para non frear o barco nas esixentes cinguidas que tiveron. As clases con barcos máis grandes e rápidos fixeron un percorrido de 12,5 millas virando o faro de Mourisca, e as balizas de Pelados, Morrazán e chegada fronte ao club de Aguete, mentres que as demais clases fixeron o mesmo percorrido coa excepción de que o primeiro tramo no canto de ir até Mourisca, ían só até Morrazán cun total de 8,3 millas.

Saída espectacular como se lembran poucas na ría, destacando o Santiago Roma pola baliza e o Grupo Santorum, Arnoia e Ozoaqua polo centro. A continuación unha potente cinguida que clarificou bastante as posicións, sobre todo a favor dos que fixeron o bordo máis cara ao sur da ría. En tempo compensado, na Clase Froiz (Clase 1) gañou finalmente o Grupo Santorum & Martínez (First 45f5 – Javier Durán – C.M. Vilagarcía), seguido a 4 minutos e medio polo Ozoaqua (IMX 38 – Juan Carlos Pérez Olmedo – L.M. Bouzas) e medio minuto despois o actual campión galego, o Oral Group (Salona 37 – Pedro Pazos – R.C.N Portosín). Xa por detrás destes, Youkounkoun, Maui, Aguieira, Meigas Fora, Marara IV e Aldán. Mágoa do Ro Yachts, un dos grandes favoritos, que houbo de retirarse. Na Clase Aselp Consulsores (Clase 2) impúxose o Enxuto (First 310 – Pablo Conde – Ro Yachts Club) seguido a tan só 41 segundos polo Santiago Roma Rías Baixas (Fortuna 9 – Iñaki Carbajo – C.N. Beluso) e un minuto despois o Piko Norte (Bavaria 32 – José Manuel Castro – C.N. Boiro). Tras eles, barcos tan potentes como a Billa, Vento Sur, Limay e Aeris. A clase North Sails (Clase 3) foi para o Loanca (Oceanis 361 – Carlos Celard – C.N. Beluso), seguido a pouco máis de 3 minutos polo Miraver (Dufour 32 – Pablo Parrado – C.N. Portonovo) e xa a máis de 11 minutos polo Squid (First 235 – Francisco Lusquiños – independente). Tras eles, O Filispín, Constante, Camarón 20, Diligente, Firme, Elmer I, Surada e Travesío. Este último, por confusión realizou o percorrido máis longo, si non, moi probablemente estivese entre os de cabeza. Na Clase Deputación de Pontevedra (Clase 4) gañou moi ben o Sebrala 2 (Bavaria 50 – Magin Froiz – R.C.N. Sanxenxo) seguido a case tres minutos polo Arnoia (Ro 340 – Francisco Alvarez – R.C.M. Aguete) e 4 minutos despois o Argalleiro (Ro 330 – Fernando Otero – Ro Yachts). Tras eles o Quen Vai (levando a bordo ao gran regatista Laureano Wizner), Festiñanzo e Peromato. Na Clase Eolo Náutica Accastillage & Diffusion (Clase Veteranos e Clásicos) vitoria do Oliver II (Brin de Folie – José Mª Tilve – R.C.M. Aguete), tendo tras el a case 7 minutos ao Cassandra (Hyllard half ton – Javier Pazó – C.N. Portonovo) e 10 minutos máis tarde o Taita (Puma 38 – Francisco Martínez – C.N. Portonovo). Por último, a clase Informática Landín, para os Mini23, foi gañada sen oposición polo Quesito (First 21.7 – Fernando Torre – Ro Yachts Club).

A clasificación do premio Concello de Marín, que puntuará conxuntamente esta etapa de Aguete coa cuarta etapa que organizará a Escola Naval, vai comandada polo Grupo Santorum & Martínez.

Agora un lapso de tempo até a terceira etapa que se celebrará o 20 de febreiro e sendo organizada polo Club Náutico de Portonovo. Até entón, os participantes aproveitarán os fins de semana anteriores para gozar da multitude de lugares que permite visitar esta ría de Pontevedra. 

1 de febreiro de 2016 | 10:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.