Descóbrese un acus crinalis de bronce da época romana no Castro de Alobre

Acus Crinalis descuberto
As escavacións de Castro de Alobre, emprendidas pola Deputación de Pontevedra a principios de febreiro, comezan a dar os seus primeiros froitos. Así, unha vez retirada a cuberta vexetal e a capa húmica, comezaron a apreciarse as primeiras estruturas en planta na zona escavada, algunhas delas parte das documentadas, outras totalmente inéditas.
Entre os primeiros achados destaca a presenza do acus crinalis, un adorno feminino, moi apreciado e frecuente, utilizado entre as mulleres romanas, que empregaban estes obxectos para confeccionar o seu peiteado entre os séculos I d. C. e IV d. C. En concreto, a peza atopada trátase dun obxecto de bronce, de preto de 10 cm de lonxitude, en excelente estado de conservación.
A intervención arqueolóxica que a Deputación de Pontevedra está a desenvolver no Castro de Alobre de Vilagarcía de Arousa, que se estenderá ata xuño, está enmarcada no protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento para poñer en valor 18 xacementos galaico-romanos da provincia de Pontevedra.
En concreto, as tarefas que se están a realizar en Alobre teñen por obxectivo o acondicionamento do sector visible e o seu contorno inmediato, así como actuacións encamiñadas a evitar alteracións das estruturas, consolidar e restaurar os restos exhumados, recrear elementos singulares, instalar elementos adecuados para facilitar a circulación do visitante polo xacemento e impulsar a accesibilidade, e tamén instalar elementos explicativos que contribúan a explicar o xacemento e a iluminación da área de intervención.
A través da escavación prevese a aparición de estruturas e materiais arqueolóxicos que permitirán afondar no coñecemento do xacemento do Castro de Alobre. Neste contexto, preténdese achegar datos para coñecer mellor as relacións comerciais da fase final da cultura castrexa, no seu tránsito cara a outras formas de ocupación do territorio nas Rías Baixas, así como comprender como a proximidade do medio marítimo e a pesca era a base da súa economía e subsistencia.
O achado do acus crinalis en Castro de Alobre, aínda que é pronto para emitir conclusións sobre o xacemento, indica unha destacada romanización en Vilagarcía de Arousa.











