Democracia Ourensana pide comparecer no caso Baltar para que sexa investigado
O grupo Democracia Ourensana (D.O.) presentou no xulgado de Ourense un documento no que solicita comparecer como acusación popular no caso no que foron citados como investigados o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, e a muller que o denunciara previamente por ofrecerlle supostamente un emprego a cambio de sexo.
O avogado da formación, Miguel Caride, explicou que a petición de D.O. prodúcese para “que se investiguen os feitos” e para “evitar que o caso morra” ao pasar a denunciante de prexudicada a investigada.
Antes da entrega da solicitude, na que tamén estiveron presentes os dous deputados provinciais de D.O. Gonzalo Pérez Jácome e Armando Ojea, o avogado da formación sinalou que para Democracia Ourensana o caso podería corresponderse un posible delito de “tráfico de influencias”.
Os motivos que levaron a D.O. a presentarse como acusación particular son, segundo Caride, a necesidade de ter información “máis alá do que sae nos medios de comunicación” e “evitar” que o caso morra a pasar a denunciante a ser investigada como posible co autora dun delito de suborno e tráfico de influencias.
Respecto ao primeiro dos puntos, Caride lamentou que a única información que a súa formación ten sobre o caso Baltar procede dos “feitos filtrados pola prensa”. Neste punto resaltou que D.O. entende que estes “son suficientemente graves” como para que “se”teñan que aclarar os feitos e as circunstancias” nas que se desenvolveron”.
Por outra banda, tamén resaltou a posibilidade de que “o caso morra” despois de que a denunciante fose chamada a declarar como investigada pola xuíza do Xulgado de Instrución Número 3.
D.O. incidiu nas dificultades de que o caso vaia adiante despois do recurso presentado polo fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado. “A postura do fiscal é clara (…), opina que non se producirían delitos de suborno e tráfico de influencias. Non vai formular acusación”, remarcou Miguel Caride.
“A CAUSA MORRERÍA”
Pero, sobre todo, o avogado de D.O. incidiu en que a muller denunciante pasara a ser investigada. Caride recordou que “son incompatibles” as posturas de prexudicada e de denunciada ao mesmo tempo. “Ante esta circunstancia a causa morrería”, esgrimiu.
Neste caso, a única vía para evitar que o caso se peche é “que se solicite algunha acusación por parte dalgunha asociación ou entidade” sinalou Caride, motivo que animou a D.O. a presentar a súa solicitude como acusación popular.
“O feito de que comparezamos non quere dicir que exista delito. Pero mentres non coñezamos os feitos non podemos valorar se hai ou non delito. É importante que cando menos se investigue e aclare o acontecido”, subliñou.
“SEMPRE NO OLLO DO FURACÁN”
Preguntado por posibles referentes xudiciais a nivel nacional, Caride considera que o caso Baltar se asemellaría ao Caso Nóos, “xa que é unha asociación a que podería exercer a acusación”.
Momentos antes da entrega do documento o líder de D.O., Gonzalo Jácome, insistiu en que “ao final sempre é D.O. quen está no ollo do furacán”, en referencia a que a súa formación quedou soa á hora de comparecer como acusación particular.
Jácome confirmou que non houbo conversacións co resto de grupos presentes na Deputación para presentarse como acusación conxunta, porque “non vían futuro” neste caso” e xustificou a postura da súa formación política.
“Nós movémonos polo que vemos que está ben ou está mal”, defendeu, para concluír que, neste caso, a formación observou que “podería haber un indicio de delito”.











