publicidade hoxe

Cotobade impulsa a tradición do petote como produto singular do cocido galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCotobade
A-
A+

O Concello de Cotobade vai promover a cultura e tradición do petote como produto singular do Cocido de Entroido no marco da cociña galega co gallo da sétima edición desta festa gastronómica, que terá lugar o vindeiro domingo 21 de febreiro no pavillón de Carballedo cunha multitudinaria comida popular como eixo central do completo programa de actividades.

O Concello xa ten aberta a adquisición dos convites para a comida popular, que terá un prezo de 15 euros para os adultos e que incluirá cocido completo con petote, café e postre e, como novidade desta edición, unha botella de viño e auga cada catro comensais . Tamén haberá un menú infantil, para menores de seis anos, a un prezo de 5 euros. As persoas interesadas en asistir ao ágape, programado para as 14.30 horas, poderán mercar os convites, ata o venres 19 de febreiro, en once puntos de venda: Bar Conchi, Bodegón Dios, Casa Perdiz, A de Tucho, A Vosa Taberna, Casa Blanco e Café A Chan, todos eles no municipio de Cotobade; e Cervexería Donegal´s (Pontevedra), Ernesto Filgueira (Pontevedra), Restaurante 501 (Ponte Caldelas) e O Brasileiro (A Lama)

De xeito paralelo á comida popular, e para aqueles que prefiran degustar o petote en familia ou con amigos, tamén se acordou estender a festa a algúns establecementos colaboradores do municipio. Así, os restaurantes A Raxadal e Casa Inés servirán o menú do petote, previa reserva, nos seus propios locais.

Programa de actividades

O programa de actividades da VII Festa do Petote, na que colabora a Deputación de Pontevedra, arrancará ás 12.00 horas coa apertura do recinto no pavillón de Carballedo, no que haberá inchables para nenos, postos de venda de produtos galegos e un espazo de comida vexetariana e vegana de “A Tenda da Gata”. O evento comezará con música da man do grupo “Foula”.

Xa ás 13.00 horas haberá un showcooking de postres caseiros impartido por “A Tenda da Gata”. Tras esta exhibición gastronómica darase paso á distribución dos petotes, a cargo da firma Catering Senín, para comezar a comida popular sobre as 14.30 horas. Durante os postres procederase ao sorteo dunha cesta de produtos galegos e o fin de festa volverá a estar protagonizado pola música con charanga “Charandonga”. Cabe sinalar que a organización terá disposto un servizo de bar para atender aos asistentes.

Finalmente, e co obxectivo de gañar difusión e asistencia a unha festa que en anos anteriores mobilizou a unhas 300 persoas, vaise realizar unha presentación pública do evento a vindeira semana en Pontevedra e creouse un perfil oficial da Festa do Petote en Facebook (www.facebook.com/festadopetote) para informar en tempo real de todas as novidades. En apenas uns días, esta páxina xa superou os 350 siareiros.

Que é o petote? Pequeno bolo de fariña, millo e algo de centeo amasado na auga do caldo e cocido nese propio elemento, servíndose despois como acompañamento do cocido, especialmente da cacheira que ten prato propio, acompañada de patacas e chourizo.

9 de febreiro de 2016 | 11:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.