publicidade hoxe

Cores Tourís visita Industrias Cárnicas Fontefría de Covelo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCovelo
A-
A+
Cores Tourís na visita a Industrias Cárnicas Fontefría

Cores Tourís na visita a Industrias Cárnicas Fontefría

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá, acompañado do alcalde de Covelo, Pablo Castillo, e do xefe territorial de Medio Rural, Miguel Pérez Dubois, a empresa Industrias Cárnicas Fontefría situada nesta localidade, onde nos últimos meses adquiriron novos equipos grazas a unha liña de axudas da Consellería de Medio Rural, o que lle permitiu mellorar o proceso produtivo.

Industrias Cárnicas Fontefría S.L. dedícase á transformación de canais de porco con tres liñas de negocio definidas: produtos frescos con canais e despezamento de porcino, que supoñen un 35% das vendas; distribución de produtos conxelados; e produtos elaborados cunha gama de salgaduras e outras de elaborados. Tamén conta cunha pequena liña de transformación de canais de vacún.

Esta empresa de Covelo naceu en 1988 e na actualidade conta con 33 traballadores e unha facturación de 7 millóns de euros. A súa produción rolda as 1.280 toneladas ao ano e conta cunha capacidade que acada as 4 toneladas ao día de despezamentos, 3 de fábrica de embutidos e 3 de salgado de produtos cárnicos.

En canto a comercialización dos seus produtos, o 93% destínase a Galicia, o 6,5% a Portugal, e o resto ao mercado nacional, ben a través de retallistas, de almacenistas ou de cadeas de alimentación.

A firma recibiu en 2015 unha subvención de 512.475 euros para a posta en marcha dun proxecto que supuxo un investimento global de 114.389 e que tivo como obxectivo a mellora do proceso produtivo coa compra de novos equipos.

Así, adquiriuse un etiquetador e un elevador automático con mesa escurridora, unha nova liña envolvedora retractiladora completa, unha gubiadora neumática manual, unha fotocopiadora multifunción e un ordenador. Ademais, tamén levou a cabo a instalación figorífica para secadoiro.

O delegado territorial aproveitou a visita a Industrias Cárnicas Fontefría para recordar que dentro desta mesma liña de axudas, a Consellería destinou en 2015 un total de 2,6 millóns de euros para a provincia de Pontevedra de cara a execución de obras e melloras por un montante de 8,6 millóns de euros en empresas cárnicas, de pensos e fariñas, de pratos preparados, así como do sector forestal, lácteo, da froita e do pan. Estas achegas tiveron como finalidade incentivar investimentos como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles e a compra de maquinaria e equipamentos novos, incluídos os programas informáticos.

“En 2016, a nova orde, contempla unhas axudas de case 25 millóns de euros para toda Galicia fronte aos 8 do ano pasado, o que ven a destacar a importancia que a Xunta lle da a modernización das instalacións e equipamentos deste tipo de empresas, xa que a innovación supón maior competitividade, subliñou. “Todo isto”, indicou Cores Tourís, “redunda na posta en valor da calidade dos produtos primarios de Galicia, unha das apostas do Goberno Galego. Apostar polo rural é sinónimo de riqueza e benestar”.

15 de febreiro de 2016 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.