publicidade hoxe

Cores Tourís interésase polas melloras solicitadas polo concello de Campo Lameiro para o parque empresarial da Facha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCampo Lameiro
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Campo Lameiro para coñecer os proxectos de mellora do polígono da Facha presentado por este municipio á nova liña de axudas da Consellería de Economía e Industria que ten coma obxectivo a potenciación da competitividade dos parques empresariais de Galicia.

O delegado territorial estivo acompañado do alcalde da localidade, Julio Sayáns, e do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.

En concreto, a solicitude do concello de Campo Lameiro ten coma obxectivo a execución de melloras nos viais que existen dentro do parque empresarial da Facha así como a construción dun centro de reciclaxe por un montante total de 126.000 euros.

En relación a primeira iniciativa, terá un custo global de 60.000 euros e suporá a adecuación dos viais interiores deste polígono co obxectivo de mellorar a imaxe e a seguridade dentro do mesmo, de cara a atraer a novas empresas para a súa implantación.

En concreto, o concello de Campo Lameiro pretende executar o pintado de marcas viais nos carrís de ambos sentidos e a delimitación das zonas de aparcamento, a renovación da sinalización horizontal e vertical e a mellora da evacuación das augas pluviais que se levará a cabo coa construción dunha arqueta de gran tamaño que recollerá a auga procedente da choiva. “Para mellorar a seguridade viaria dos peóns que circulan polo lugar, tamén se levará a cabo a renovación e instalación de novos tramos de beirarrúa, a creación de accesos rebaixados nos pasos de peóns que serán novamente pintados e a creación de prazas de aparcamento para persoas con discapacidade”, explicou o alcalde do municipio, quen engadiu que se instalarán algúns pasos de peóns novos así como unha varanda metálica de seguridade nunha zona cun pronunciado desnivel.

En relación ao segundo proxecto, terá como obxectivo a creación dun centro de reciclaxe neste parque empresarial de cara a mellorar a xestión de residuos, tanto dos veciños do termo municipal como os xerados polas empresas asentadas na Facha. “É un dos problemas pendentes neste polígono”, engadiu Sayáns. “Na actualidade existen varios contedores diseminados pola zona, aínda que ningún é de reciclaxe. Para mellorar a operatividade e flexibilidade do funcionamento da recollida selectiva de residuos pretendemos executar este centro de reciclaxe que, non poderá albergar, baixo ningún concepto, residuos perigosos ou orgánicos”. O custo deste proxecto é de case 66.000 euros.

O delegado territorial, José Manuel Cores Tourís, pola súa banda, recordou que grazas a esta misma liña de axudas en 2015 puidéronse desenvolver 8 proxectos na provincia de Pontevedra cunha subvención global que superou lixeramente os 590.000 euros. Así, executáronse obras de mellora de infraestrutura, beirarrúas, eficiencia enerxética, instalación de sistemas de vixilancia e acondicionamento de accesos nos concellos de Ponte Caldelas e A Lama en la comarca de Pontevedra; Vila de Cruces e Lalín no Deza; A Cañiza e Arbo no Condado e A Paradanta; Moraña na comarca de Caldas e Vilanova na de Arousa.

“A nova orde para 2016 pechou onte e conta cun orzamento de 3,8 millóns de euros”, engadiu o delegado territorial, quen insistiu en que este tipo de subvencións veñen a demostrar que a aposta do Goberno galego polos concellos como administración máis próxima aos cidadáns, impulsando unha liña que permitirá mellorar a súa actividade industrial, xerando postos de traballo e mellorando a competividade do tecido empresarial galego”, tal e como avanzou hoxe o delegado territorial da Xunta en Pontevedra.

Nesta nova convocatoria, o programa permitirá, un ano máis, impulsar actuacións en eidos diversos como o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, os viais ou a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia”, explicou o delegado territorial.

O programa prevé apoios de ata o 80% do custo subvencionable, cun máximo de 120.000 euros por solicitude. Unha cantidade que se incrementará ata o 95% e os 180.000 euros no caso de agrupacións de concellos. Desta forma, como sinalou Cores Tourís, colabórase coas administracións locais, primando unha xestión compartida que posibilita unha redución de gastos nas arcas municipais, facilitando a xeración de postos de traballo e o incremento da competitividade do tecido empresarial.

Así mesmo, e para facilitar aos municipios a modernización dos seus parques empresariais, permitirase o pago de anticipos de ata o 25% da axuda concedida. Faise así accesible a posta en marcha de actividades que incrementan a calidade destas infraestruturas.

23 de febreiro de 2016 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.