Continúa por terra, mar e aire a busca dos mariñeiros desaparecidos nas Cíes
Salvamento Marítimo continuou a primeira hora deste martes a busca dos dous mariñeiros desaparecidos dende o venres ao sur das Illas Cíes, un operativo no que participan medios aéreos, terrestres e marítimos.
Segundo informaron fontes de Salvamento Marítimo, que coordina a operación dende a súa base en Vigo, esta xornada volverán participar no dispositivo medios da Xunta, da Garda Civil, de Salvamento Marítimo e a Policía Nacional. A zona de rastrexo centrarase ao sur de Cabo Silleiro e ao norte ata a costa de Baiona (Pontevedra).
En concreto, o operativo conta cos medios aéreos do helicóptero Pesca I, da Xunta; o Helimer 209, de Salvamento Marítimo; e o helicóptero Ángel, da Policía Nacional. Os medios marítimos son o Salvamar Mirach, de Salvamento Marítimo; a embarcación Paio Gómez Chariño e a Sebastian Docampo, da Xunta de Galicia; o remolcador María Pita, de Salvamento Marítimo; e a patrulleira Corvo Mariño, da Garda Civil. Por terra rastrexan a zona voluntarios de Protección Civil e axentes das policías locais de Nigrán e Baiona.
As malas condicións do mar na zona impediron que, polo momento, os mergulladores do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil se somerxan no ámbito do naufraxio. Segundo confirmou Salvamento Marítimo, espera que a finais da semana melloren estas condicións e poida realizarse a inmersión.
EMBARCACIÓN LOCALIZADA
O sábado, persoal do helicóptero Pesca I que rastrexaba a zona na que desapareceron os dous mariñeiros que viaxaban a bordo da planeadora ‘Látego’, localizou a embarcación afundida xunto a algúns os seus restos.
Os restos da embarcación foron localizados media milla ao sur do illote de Boeiro, zona que se atopa ao sur das Illas Cíes e onde o venres pola tarde desaparecera a planeadora na que viaxaban os dous mariñeiros.
Foi un familiar quen alertou Salvamento Marítimo, ao fío das 20,00 horas do pasado venres, da ausencia da planeadora ‘Látego’, embarcación con base en Cangas que debería chegar ao porto de Vigo sobre as 18,00 horas, tras saír a faenar.











