publicidade hoxe

Consenso a prol da peonalización de Principal e Loriga durante as fins de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Reunión con veciños e comerciantes

Reunión con veciños e comerciantes

O Goberno municipal de Lalín desenvolveu este martes unha nova xuntanza informativa con veciños, hostaleiros e comerciantes das rúas Principal, Joaquín Loriga e Colón para analizar os resultados do proceso de peonalización emprendido a finais do ano pasado. No encontro participou máis de medio cento de persoas que tiveron a posibilidade de expresar a súa opinión de forma absolutamente libre e de facer todas as suxestión que quixeron sen limitacións de ningún tipo.

Nas intervencións realizadas durante a reunión quedou claro o consenso maioritario a favor da peonalización das rúas principal e Joaquín Loriga durante as fins de semana, un modelo que xa se está a aplicar dende que se iniciou a segunda fase do proceso. Os representantes do Goberno municipal anunciaron que esta segunda fase se prolongará ata a chegada do verán e que coa entrada do bo tempo se analizará con veciños, comerciantes e hostaleiros a posibilidade de volver pechar as rúas ao tráfico durante toda a semana. Desta maneira poderanse avaliar con maiores garantías os beneficios desta iniciativa, xa que case todo o mundo coincidiu en que as malas condicións meteorolóxicas do pasado inverno impediron que se puidesen percibir os seus efectos positivos sobre a actividade económica e social.

En todo caso, o Goberno municipal reiterou a súa disposición a acometer actuacións de mellora no alumeado público das rúas peonalizadas para facelas máis atractivas a veciños e visitantes. Estes traballos desenvolveranse grazas aos fondos que lle corresponden a Lalín da Mancomunidade Terras do Deza para plans de eficiencia e aforro enerxético. Para este obxectivo destinaranse, en concreto, 26 mil euros.

De maneira complementaria, o Goberno realizará outras accións de cara a acadar o obxectivo de dinamizar a zona. Por unha banda, vanse analizar posibles mellores na regulación do tráfico para facer máis cómodo o acceso dos vehículos autorizados ás rúas peonís e, sobre todo, con vistas a incrementar a seguridade dos viandantes. Neste sentido, valorarase a posible instalación de bolardos para que os residentes e donos de establecementos poidan entrar e saír mediante o uso dun simple mando a distancia. Por outra banda está previsto que en datas vindeiras se convoque unha reunión cos donos dos baixos baleiros das rúas Principal e Loriga. Neste encontro o alcalde vai propoñer unha rebaixa nos prezos dos alugueiros para facelos máis asequibles de cara a instalación de novos negocios.

Ademais, seguindo a folla de ruta marcada e anunciada o pasado mes de outubro, o Goberno tamén vai consultar a opinión de veciños, comerciantes e hostaleiros mediante unha enquisa na que todos poderán dar a súa opinión de maneira libre e anónima. Esta enquisa empezará a remitirse en datas vindeiras. Os participantes na reunión amosaron tamén a súa disposición a colaborar en posibles accións de dinamización para as rúas peonalizadas. Entre as propostas que se valorarán está a de utilizar esas rúas para o estacionamento dos vehículos participantes nas diferentes exhibicións automobilísticas que se desenvolverán en Lalín nos vindeiros meses.

Con respecto o emprazamento da parada de taxis da praza da Torre, non se escoitou ningunha voz discrepante coa decisión do Goberno de trasladala á rúa Colón. Desa maneira, o espazo que ocupa actualmente gañará en seguridade e tamén en capacidade de expansión comercial e social.

3 de febreiro de 2016 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.