Consellería do Mar e USC suman esforzos no estudo de enfermidades bacterianas nos criadoiros de bivalvos

Rosa Quintana na sinatura do convenio coa USC. Foto: X. Crespo

Rosa Quintana na sinatura do convenio coa USC. Foto: X. Crespo

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Manuel Viaño, asinaron esta mañá un convenio de colaboración entre ambas as dúas entidades para o desenvolvemento do proxecto de investigación denominado “Poboacións bacterianas en criadeiros de bivalvos: procesos de patoxénese”.

O fin desta colaboración é facilitar a execución dos traballos relacionados co proxecto, que ten como obxectivos principais estudar os mecanismos de infección bacteriana en cultivos larvarios de bivalvos e coñecer a dinámica dos patóxenos no criadeiro. Tamén realizar ensaios para identificar as bacterias beneficiosas para as larvas de moluscos e aplicar os coñecementos á xestión do criadeiro.

Así, o que se busca a través destas accións é que os resultados obtidos sirvan como base para o deseño de estratexias que optimicen a produción de semente de bivalvos en criadeiro. De feito, o coñecemento obtido será aplicable á xestión de criadeiros, permitindo unha mellora dos traballos que redunde na optimización dos controis que garantan unha boa calidade microbiolóxica e que tamén redunde na produción final. É dicir, a finalidade última destes traballos é o bo funcionamento e a regularidade da produción en criadeiros de bivalvos para cubrir ao sector cultivador as necesidades de subministro de semente de calidade.

Cos labores de investigación tamén se busca posibilitar programas de recuperación das poboacións en bancos naturais e facilitar a diversificación do mercado, xa que axudan á posta a punto dos cultivos de novas especies de bivalvos, que complementarán aquelas máis tradicionais.

Ademais os resultados da investigación tamén servirán para ser integrados no proceso de produción e así actualizar os sistemas de traballo, achegando información para a prevención de riscos, a mellora dos protocolos de limpeza e mantemento, e a optimización do funcionamento das instalacións. Este coñecemento obtido difundirase en diversos foros relacionados coa acuicultura e a microbioloxía e en revistas científicas especializadas. Tamén poderá servir de posible asesoramento a empresas.

Para a realización deste proxecto, o Ministerio de Economía e Competitividade concedeu unha axuda de 181.500 euros á USC, enmarcada no Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación 2013-2016.

Funcións e vixencia

A Consellería do Mar colabora coa USC a través de persoal do Centro de Investigacións Mariñas. Este convenio entrará en vigor trala súa sinatura e estenderase ata a completa finalización das obrigas da USC, como entidade beneficiaria da axuda do Ministerio de Economía e Competitividade. A duración das actividades de investigación coincidirá coa prevista para o desenvolvemento do proxecto, que é de tres anos.

As partes manterán unha comunicación constante sobre os traballos de investigación realizados e comprométense a reunirse periodicamente para revisar os resultados obtidos e decidir sobre os pasos a seguir. Ademais constituirase unha comisión para o seguimento, interpretación e avaliación das accións derivadas do convenio que asegure o seu cumprimento.

12 de febreiro de 2016 | 13:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.