Concello de Ames e COGAMI achegan posturas para traballar na inclusión das persoas con discapacidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+
Visita do alcalde de Ames ás instalacións de Cogami

Visita do alcalde de Ames ás instalacións de Cogami

O alcalde do Concello de Ames, José  Miñones, e a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, mantiveron esta mañá unha xuntanza co presidente de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), Anxo Queiruga, para manter unha primeira toma de contacto de cara á asinar un convenio de colaboración en favor do emprego, a accesibilidade, a reorganización das prazas de estacionamento para as persoas con mobilidade reducida, o asesoramento e orientación sobre axudas de accesibilidade e a sensibilización co grupo social das persoas con discapacidade.

O alcalde de Ames, José Miñones, destacou que “foi unha xuntanza moi produtiva na que se abordou a posibilidade de asinar un convenio de colaboración entre ambas partes para mellorar o asesoramento e a orientación das persoas con discapacidade do concello de Ames”. Tamén falamos de levar a cabo actuacións en materia de emprego dirixidas á persoas con discapacidade e que dende COGAMI nos asesoren sobre a solicitude de subvencións neste eido”.      

Dende COGAMI amosóuselle ao rexedor municipal amiense a importancia de traballar nunha ordenanza municipal que faga un seguimento das obras para que estas sexan accesibles a todas as persoas, que exista unha mellora nos estacionamentos reservados a persoas con mobilidade reducida e tamén, a necesidade de que no Concello exista un control das tarxetas de aparcadoiro reservado a persoas con discapacidade, unhas tarxetas persoais e intransferibles, que moitas veces son empregadas de xeito fraudulento. 

Reorganización das prazas de estacionamento

Sobre este asunto a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, explicou que “se vai a levar acabo unha reorganización das prazas de estacionamento para as persoas con mobilidade reducida co obxectivo de colocalas onde é máis necesario. Ao mesmo tempo vaise realizar un repintado das devanditas prazas e unha renovación das tarxetas de estacionamento reservado para as persoas con discapacidade. De xeito paralelo sacarase dende o Concello unha campaña de concienciación para que a veciñanza non empregue estas tarxetas de xeito fraudulento e para que estas prazas sexan empregadas exclusivamente polas persoas autorizadas”. 

Outro dos temas falados durante a xuntanza foi a posibilidade de que o concello de Ames contrate servizos aos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro que ten COGAMI. Actualmente traballa neste concello unha cuadrilla de operarios da empresa Dixardín, formada por un cadro de persoal de 34 persoas das que máis do 87% destas teñen discapacidade, que se encargan de realizar traballos de xardinería de zonas verdes dos xardíns do pazo da Peregrina e o paseo fluvial de Bertamiráns.

Outra das empresas das que falaron é Trameve, que se dedica á recollida para o posterior despece de vehículos que están fóra de uso e que, situada no polígono do Tambre de Santiago, conta cun equipo de 20 persoas que se dedican á  venda de pezas de ocasión, taxación, recollida en guindastre e despece de vehículos sinistrados ou fóra de uso e compra e venda de vehículos de ocasión. 

Nesta xuntanza estiveron tamén presentes o vicepresidente 1º de COGAMI, Ramón Sestayo, a coordinadora de áreas, Charo Lema, e o técnico de accesibilidade de COGAMI, Manuel de Lario.

 

8 de febreiro de 2016 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.