Comeza o programa europeo Lugo+Biodinámico, que conta este ano con 713.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A constitución dos comités de dirección e seguemento marcaron a posta en marcha de Lugo+Biodinámico, o proxecto de 3,5 millóns de euros financiado con fondos europeos Life que conseguiu o Concello de Lugo e grazas ao que desenvolverá nos vindeiros catro anos novidosas iniciativas en favor dun urbanismo sostible e dun mellor aproveitamento da riqueza forestal, a nivel económico e ambiental. Así o deu a coñecer o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, quen avanzou que o plan conta este ano con 713.000 euros para a súa execución e que a conformación dos órganos de dirección e seguemento é o primeiro paso para arrancar o plan, xa que deles “partirán todas as decisións que se vaian tomando no desenvolvemento do proxecto”.

De feito, na propia constitución dos comités xa se tomaron varias medidas, como a aprobación do borrador de normas de funcionamento que rexerán estes órganos e que recibirá luz verde no vindeiro comité de dirección; e definir o proceso de contratación da xerencia do plan, que será a través dun concurso aberto seguindo as directrices marcadas por Europa para este tipo de proxectos.

Así mesmo, explicou Piñeiro, encargouse á Universidade de Santiago, entidade colaboradora nesta iniciativa, a elaboración do proxecto técnico para declarar como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) a superficie de bosque de ribera existente entre os polígonos das Gándaras e o Ceao co fin de garantir a súa conversación e organizar actividades divulgativas do mesmo entre todos os públicos, aínda que de maneira prioritaria  para os escolares. 

Paralelamente, a entidade local, segundo informou o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, tramitará tamén os permisos necesarios para poder acondicionar os terreos destinados á plantación dun souto con variedades de castiñeiro tradicionais que tamén se levará a cabo en terreos situados entre As Gándaras e o Ceao. 

Compromiso coa eficiencia enerxética

Por outra banda, na primeira reunión dos comités de dirección e seguemento acordouse iniciar o procedemento para que Lugo se incorpore ao Pacto dos Alcaldes, o principal movemento europeo no que participan as autoridades locais e rexionais que asumen o compromiso voluntario de mellorar a eficiencia enerxética e utilizar fontes de enerxía renovable nos seus territorios. Co seu compromiso, os asinantes deste Pacto, promovido pola Comisión Europea, propóñense superar o obxectivo da UE de reducir nun 20% as emisións de CO2 antes de 2020. Lugo é a primeira cidade galega que tramita a adhesión a este movemento, incluída entre as accións do propio plan Life.

Composición dos comités

O comité de dirección de Lugo+Biodinámico está presidido pola Alcaldesa, Lara Méndez, e del forman parte o propio Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e as de Economía, Benestar Social e Cultura, Ana Prieto, Ana González Abelleira e Carmen Basadre, respectivamente, ademais de un representante da Deputación, a USC, a Universidade Politécnica de Madrid, Evislusa e un funcionario que exerce a labor de secretaría. O comité de seguemento está composto por Daniel Piñeiro e igualmente por representantes de Deputación, USC, UPM e Evislusa.

2 de febreiro de 2016 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.