publicidade hoxe

Ciclo de charlas con instrucións para educar na Guarda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+

Chegamos ao mundo sendo fillos pero, quen nos ensina a educar e a ser nais ou pais? A través do ciclo de Charlas “Manual de instrucións para educar” organizado polo Programa de Educación Familiar e a OMIX do Concello da Guarda, o que se pretende é compartir pautas sinxelas e ofrecer un espazo de reflexión e intercambio de experiencias, para  poder axudas ás nais, pais e educadores/as a lograr o pleno desenvolvemento dos nenos e nenas e adolescentes para facilitar a convivencia familiar.

Educar aos fillos e fillas é unha aprendizaxe diaria, polo que, nestas charlas se aportarán vías para resolver conflitos de forma construtiva, reforzando a comunicación e o diálogo como claves na relación entres nais e pais con fillos e fillas. Nestes encontros falarase das normas e dos límites coma un dereito dos rapaces e rapazas ofrecendo tamén ferramentas alternativas para poder achegarse á realidade de eses nenos e nenas.

Para realizar esta actividade contarase coa colaboración do terapeuta familiar Esteban Figueirido, que será o encargado de guiar estas charlas.

Ademais o que se pretende é que os participantes nos encontros tamén expoñan as súas vivencias para poder intercambiar as experiencias. 

Datas e temas 

As charlas celebraranse o último martes de cada mes ás 19,30 horas, na Casa dos Alonsos. Así, o primeiro destes encontros está programado para o próximo 23 de febreiro.

“Mellorando a comunicación na familia: como falar para que os fillos escoiten e como escoitar para que os fillos falen”, é o título que ten esta primeira charla. 

O 29 de marzo terá lugar a charla “Ensinando a dicir non. Asertividade, normas e límites”, a seguinte é o 26 de abril e levará por nome “Pautas para fomentar a autoestima dos fillos e fillas”.

O ciclo de charlas se pechará o 24 de maio co tema “Do berce á adolescencia. Ferramentas útiles con adolescentes”.

O Concello da Guarda quere convidar a todos os pais e nais, educadores/as e a todos aqueles veciños e veciñas interesados na educación a participar nestas charlas e axudar a crear un espazo enriquecedor no que falar e contar experiencias propias.

10 de febreiro de 2016 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.