Chega unha nova convocatoria do Concurso de Debuxo Picasso Coruñés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Xulio Ferreiro na presentación do concurso

Xulio Ferreiro na presentación do concurso

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presentou na mañá deste luns a terceira edición do Concurso de Debuxo Picasso Coruñés, que organiza a Asociación da Prensa da Coruña coa colaboración do Concello, e que, como salientou o rexedor, supón “unha gran oportunidade de vincular a figura de Picasso a unha iniciativa de carácter social e educativo, de promoción da cultura e a arte desde a base, desde abaixo, desde os nenos e nenas galegos”. “Isto cadra perfectamente coa intención do Goberno local de seguir vinculando o autor coa actividade cultural, turística e de promoción da cidade. Sería desaproveitar unha oportunidade non vincular a cidade cunha figura de renome mundial e, polo tanto, o Concello vai seguir traballando nesa liña”, indicou Ferreiro, quen salientou a contribución das actividades que se desenvolven para “facer da Coruña esa cidade de cultura, na que a cultura vincúlase á participación, ao acceso da maioría da poboación ás actividades”. Deste xeito, puxo como exemplo o “éxito” que está a ter a exposición Os obxectos falan, que mostra unha escolma de pezas do Museo do Prado no Kiosco Alfonso, e que a Concellería de Cultura realiza en colaboración con Caixa Bank, entidade que tamén patrocina o Concurso de Debuxo Picasso Coruñés. Neste mesmo sentido, o alcalde reafirmou a intención do equipo de Goberno de manter o apoio á Casa Museo Picasso, “atendendo as demandas que se fan de colaboración e a través de eventos temporais que poidan axudar a promocionala, incluíndoa nas rutas turísticas da cidade e incluso indo máis alá”, adiantou.

O III Concurso de Debuxo Picasso Coruñés, no que tamén colaboran a Asociación Pablo Ruiz Picasso da Coruña e o IES Eusebio da Guarda (centro onde o artista andaluz estudou durante a súa estancia na cidade), ábrese este mes de febreiro e que ten o 27 de maio como data límite para a remisión de traballos, e vai dirixido a alumnos e alumnas desde 3º curso de Primaria e ata 4º de ESO. Estes poderán participar nos tres premios convocados, ao mellor periódico (en referencia aos xornais que o mozo Picasso elaborou durante a súa estancia na cidade, onde combinaba debuxos e textos), á mellor ilustración, á mellor redacción e, en tres categorías diferenciadas por idade. Tal e como indicou durante a presentación de hoxe o presidente da Asociación da Prensa, Manuel González, a entrega de premios –que inclúen cheques regalo de ata 450 euros para os e as alumnas e iPads para os e as profesoras– terá lugar o 8 de xuño na Casa Picasso, que manterá a exposición dos traballos gañadores desde ese día ata o 30 dese mes.

Pola súa banda, o director de Área de Negocio de La Caixa en A Coruña, José Manuel Caamaño, puxo en valor na presentación iniciativas que, coma esta, axuden a que os e as escolares “coñezan e afonden na figura de Picasso, e nos anos que pasou na cidade, que foron fundamentais na súa formación”.

22 de febreiro de 2016 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.