publicidade hoxe

Celia Alonso lamenta que o PP deixase pasar a oportunidade de recuperar a lagoa de Sello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

A concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, reiterou hoxe a decidida aposta do Goberno municipal pola recuperación dos espazos de elevado valor natural cos que conta o Concello de Lalín. En concreto, a edil insistiu na súa intención de poñer en valor o maior número de humidais e brañeiras para o desfrute da veciñanza, como os que existen no Pontiñas e noutros ríos que pasan polo municipio.

Na véspera do Día Mundial dos Humidais, Celia Alonso laiouse de que o Partido Popular deixase pasar no seu día a posibilidade de recuperar a lagoa e a telleira de Sello, malia a subvención que lle concedeu no ano 2007 a Xunta de Galicia. Tratábase, en concreto, dunha partida finalista de 300 mil euros, á que o anterior executivo renunciou “perdendo unha marabillosa oportunidade para que Lalín puidese recuperar un espazo de alto valor ecolóxico, tanto pola súa flora como pola súa fauna”.

Celia Alonso lembrou a enorme importancia que teñen estes espazos, que son fundamentais para a depuración de aire, xa que actúan como filtro da contaminación. Neste contexto, a concelleira explicou que un dos propósitos do Goberno é o de recuperar a Lagoa da Telleira de Sello. Trátase dun humidal creado de maneira artificial que agora se atopa totalmente naturalizado e no que conviven moitas especies animais e vexetais. Esta iniciativa enmárcase ademais nun dos grandes obxectivos do departamento de Medio Ambiente: o de conservar e dar a coñecer os espazos naturais do concello e dalos a coñecer á veciñanza. 

O Día Mundial dos Humidais celébrase o 2 de febreiro, conmemorando a sinatura do Convenio de Ramsar, o primeiro tratado que se adoptou para a conservación e uso racional deste tipo de espazos. Esta distinción pretende contribuír ao logro dun desenvolvemento sostible en todo o mundo.

1 de febreiro de 2016 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.