Carmela Silva recorda que Zapatero tamén foi declarado ‘persoa non grata’ en Fene

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Europa Press

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recordou este luns que o anterior presidente do Goberno, o socialista José Luis Rodríguez Zapatero, foi declarado ‘persoa non grata’ polo Concello de Fene (A Coruña) por non negociar o levantamento do veto ao estaleiro de Astano durante o período de España á fronte da UE, sen que iso motivase “tanta preocupación nin alharaca, tanta crítica nin cuestionamiento”.

Preguntada nunha entrevista concedida á Radio Galega, sobre a decisión do Concello de Pontevedra de designar do mesmo modo a Mariano Rajoy por conceder unha prórroga de 60 anos a Ence na súa actual situación, subliñou que ela non pode cuestionar unha decisión “democrática” dunha corporación.

Neste sentido, a tamén concelleira viguesa dixo que lle “chama a atención o ruído tremendo” que se xerou en torno ao acordo de BNG, PSdeG e Marea para xulgar que existen “dúas varas distintas de medir”.

E é que, proseguiu, os “muchísimos aplausos” que escoitou cando se declarou ‘persoa non grata’ a Zapatero en Fene – cos votos do PP e o BNG- tamén os percibiu cando o pleno de Vigo, por unanimidade, fixo o propio co comisario europeo Joaquín Almunia (PSOE) pola devolución das axudas do ‘tax lease’.

Ao fío da medida tomada en Pontevedra, acerca de se un eventual goberno liderado por Pedro Sánchez podería retirar a concesión da prórroga a Ence, Carmela Silva sinalou que a vía a explorar é a xudicial. “Se non é posible cun recurso, dar marcha atrás a unha decisión deste tipo é moi complicado”, explicou, debido a que “as arcas públicas terían que dar moito diñeiro a Ence” para retirarlle “un dereito adquirido”.

“É TERRIBLE”

Dito isto, considerou “terrible” que o goberno de Mariano Rajoy aprobase “en funcións” dar á pastera 60 anos máis na súa actual situación en Lourizán. “Unha vida enteira”, evidenciou a socialista, para quen se trata dunha decisión “escandalosa”.

Así é que, sen querer xerar “falsas expectativas” de que o próximo executivo poida retirar esta decisión “tan grave” de Rajoy, a socialista avogou por “intentalo” ante a Xustiza.

22 de febreiro de 2016 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.