Carmela Silva manifesta a súa condena ante o novo asasinato por violencia machista

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, expresou a súa máis rotunda condena e repulsa polo asasinato de Ana Gómez Nieto onte en Becerreá, Lugo, ante a presenza dos seus dous fillos menores de idade.

Carmela Silva manifestou que “no que levamos de ano cada cinco días morre unha muller asasinada pola súa parella ou ex-parella, polo que é necesario abordar este grave problema desde todas as institucións e impulsar un gran pacto de Estado para que todas as administracións trasladen a súa máis enérxica repulsa e loiten contra esta lacra de asasinatos desde todos os ámbitos posibles”. Neste contexto, Silva pediulles ao presidente en funcións do Goberno e ao presidente da Xunta de Galicia que, “de xeito imprescindible, saian en primeira persoa para aclarar á sociedade por que se recortou tanto en materia de violencia de xénero e cales van ser as medidas que van poñer en marcha para evitar esta situación intolerable”.

A presidenta da Deputación instou á Xunta de Galicia para que dote de recursos económicos propios e específicos a loita contra as violencias machistas, ao tempo que solicitou ao Goberno de Feijóo que “convoque con urxencia, como vimos pedindo dende hai meses, unha mesa contra a violencia machista na que estean representados todos os membros da sociedade e que poña en marcha actuacións concretas para loitar contra os asasinatos machistas”.

Carmela Silva recordou que o ano pasado 59 mulleres foron asasinadas, 8 delas en Galicia, e que no que levamos de 2016 son xa 9 as vítimas da violencia machista, das cales unha era galega, Ana Gómez Nieto.

12 de febreiro de 2016 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.