Carlos Cornes e Belén Fernández son os deportistas máis destacados de 2015 na X Gala do Deporte de Ames

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesDeportes
A-
A+
Premiados na Gala do Deporte

Premiados na Gala do Deporte

O pasado sábado, 30 de xaneiro, celebrouse o X aniversario da Gala do Deporte de Ames na Casa de Cultura de O Milladoiro coa presencia de Laura Mosquera, subdirectora da Secretaría Xeral para o Deporte, Moncho Fernández, padriño da Gala, José Miñones, alcalde de Ames, e de varios concelleiros/as da corporación municipal amesá. Para a presentación do evento contouse coa participación dos xornalistas Terio Carrera e Diego Viaño que amenizaron a Gala e foron dando paso aos deportistas premiados.

A Gala comezou cunha proxección audiovisual na que se recoñeceu o traballo dos numerosos clubs e entidades deportivas de Ames. Este vídeo espertou os aplausos do numeroso público que abarrotou a Casa de Cultura do Milladoiro que quedou pequena para acoller este evento.

A continuación, o alcalde de Ames, José Miñones, entregoulle a Román Roo, delegado da área de Santiago de GADISA, o premio de recoñecemento a unha entidade non deportiva polo seu apoio ao deporte amesán. Este galardón recaeu, nesta ocasión, en GADIS, polo soporte e axuda que ofreceu aos eventos deportivos amesáns que se desenvolveron ao longo do 2015 e cos que a entidade colaborou aportando alimentos e bebidas.

Premios ás mellores promesas masculina e feminina

A mellor promesa masculina do 2015 foi Gabriel Martínez, padexeiro do Club de piragüismo Ribeiras do Tambre, que foi campión galego infantil A K1-1000, A K4-1000, campión da Copa España infantil A K-2 3.000 metros, subcampión de España infantil A K-4 1000 metros e actualmente é bolseiro no Centro de alto rendemento de Pontevedra. O galardón foi entregado pola promesa do ano pasado, o atleta Daniel Mato.

O premio para a mellor promesa feminina de 2015 foi para Belén Calvo, xogadora de tenis de mesa, por proclamarse campioa de España de dobres feminino infantil e ser campioa galega de dobres feminino xuvenil e a súa participación en numerosos campionatos nacionais e internacionais como os Open de España, Italia e Portugal. Ademais, conseguiu un bronce no campionato de España individual infantil e outro bronce no Open de Italia (na modalidade por equipos). Tamén participou no campionato de Europa de Bratislava coa selección Española. O premio foi entregado pola vencedora do ano pasado, a tenista Celia Montero, e recolleuno a nai de Belen Calvo.

A escola de baile Danzaya púxolle ritmo á Gala cun baile cheo de intensidade e que deu paso ao premio ao mellor equipo de 2015. Laura Mosquera, subdirectora da Secretaría Xeral para o deporte, foi a encargada de facer entrega deste premio que recaeu no equipo infantil do Club de piragüismo Ribeiras do Tambre. O equipo infantil encheu o escenario de cor verde cun gran número de integrantes. Laura Mosquera, que abriu a Gala cun discurso no que destacou o deporte amesá e a súa riqueza, é veciña de Ames e integrante do Club de piragüismo do Ribeiras do Tambre dende hai poucos meses.

Ademais, entre premio e premio puidéronse ver diferentes exhibicións das escolas deportivas municipais, neste caso con dous números das escolas de ximnasia rítmica de Ames. Tamén houbo momento para o humor da man dos presentadores que trataron de arrancar algunhas verbas dos vencedores en cada categoría.

Recoñecemento especial para “Chechas”

Outro dos premios xa coñecidos foi o do recoñecemento especial que recaeu en Ramón García Castre “Chechas”, pola súa destacada carreira futbolística no municipio amesán. Chechas leva xogando 37 anos en fútbol federado, parte deles en varios equipos de Ames (Ortoño CF, Bertamiráns FC e Bugallido FC). Actualmente, xoga no Ortoño CF, sendo un exemplo en canto a compañeirismo no vestiario e transmitindo os valores do deporte aos máis novos.

O número estrela foi a representación dos clubs e entidades deportivas de Ames. Durante 5 minutos e coa música da banda sonora da película de Rocky, os integrantes de cada disciplina foron saíndo ao escenario facendo unha pequena representación co acompañamento do freestyler e malabarista de balón, Daniel Comesaña, que fixeron as delicias do público presente que lle aplaudiron aos participantes. Xadrez, fútbol, fútbol sala masculino e feminino, voleibol, tenis, baloncesto, patinaxe e ata piragüismo foron as modalidades deportivas que se xuntaron no escenario como unha pequena mostra dos deportes practicados a través dos clubs amesáns.

O premio ao club deportivo máis destacado foi para o Club de piragüismo Ribeiras do Tambre. O encargado de recoller este premio foi o presidente do club, José Ramón Mato Lago. Cómpre destacar o destacado papel deste club durante o ano 2015 e que se veu recoñecido nesta Gala xa que recibiu tres premios (mellor club, mellor equipo dun club amesán, e mellor promesa masculina). 

Deportistas máis destacados de 2015

Os últimos premios que se entregaron foron os de deportista feminina e masculina máis destacadas de Ames durante o ano 2015. Entre ambos premios a escola de música deleitou con dúas pezas de bandas sonoras poñendo o toque musical a esta Gala. O premio de mellor deportista feminina recaeu na  futbolista Belén Fernández Millán. Na tempada 2014-2015 xogou en 2ª división Nacional co Club Villestro e na 2015-2016, tamén milita na 2ª división Nacional co Club Arousana. Belén Fernández foi convocada nos últimos anos coa selección española sub-16, sub-17 e sub-19 e coa selección galega en todas as categorías do 2010 ao 2014. O premio foille entregado pola tamén futbolista Yaiza Otero, gañadora deste mesmo galardón no ano 2014.

O último premio entregado foi para o mellor deportista masculino de 2015. Para a entrega deste premio o padriño da Gala, Moncho Fernández, subiu ao escenario e deu paso aos vídeos de presentación dos nominados. Moncho Fernández abriu o sobre do gañador que resultou ser Carlos Cornes Ribadas do squash Santiago e de 26 anos. Carlos foi proclamado subcampión de España Absoluto por detrás, do tamén amesán e galardoado en edicións anteriores, Borja Golán. Actualmente Carlos ocupa o posto número 95 do ranking mundial de squash.

A gala finalizou con todos os premiados e premiadas no escenario e co discurso do alcalde de Ames, José Miñones, que agradeceu a presencia das autoridades, clubs, exconcelleiros de deportes e veciños de Ames. Miñones resaltou a calidade dos premiados e fixo referencia a boa saúde deportiva do Concello. Tamén se comprometeu a seguir apostando polo deporte tanto de base como de competición.

1 de febreiro de 2016 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.