Caballero pide a Feijóo que poña data ás eleccións galegas
O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, considera que “é inadecuado democraticamente” que non se puxera aínda data ás próximas eleccións autonómicas de Galicia e pediu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que anuncie xa cando se celebrarán.
“Vexo con estupefacción que Feijóo non dixera xa cando as vai convocar, lleso reclamo porque xa non queda nada e o resto de partidos ten que saber xa a que aterse e temos que prepararnos”, dixo.
Caballero pronunciouse así ao ser preguntado por un posible adianto das eleccións autonómicas en Galicia. “Que un presidente teña a capacidade de disolver unha Cámara non está pensado para que decida cando o quere ou non o quere facer, está pensado para a gobernabilidade”, dixo.
Así, reiterou que esa capacidade dun presidente de disolver unha Cámara “é para garantir a gobernabilidade cando un vai que pode gobernar”. “O demais é abusar da posición de poder dun presidente de calquera ámbito político”, dixo durante a súa intervención nun almorzo do foro social e de economía de Aragonex este luns en Madrid.
Caballero considera que a cuestión que ten que decidir Feijóo é se se presenta ou non porque “el sabe que non vai gañar as eleccións”. “Sabe que ten as eleccións perdidas e está a ver como asegura o seu futuro político”, dixo, ao tempo que remarcou que por isto “ten indecisión” ata coa data”. “Ten que dicir a data e se se presenta ou non porque isto non é democraticamente axeitado”, concluíu.











