Bueu celebrou esta fin de semana os desfiles de Entroido coa entrega de premios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

O Concello de Bueu pechou esta fin de semana o seu Entroido 2016 co Desfile infantil do Enterriño da sardiña este sábado 20 de febreiro ás 17 horas, e do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, o domingo 21 ás 18 horas. Estes desfiles foran aprazados polo mal tempo.

O Enterriño da Sardiña rematou coa repartición dos dous premios entre as catro comparsas participantes. Así a ANPA de Cela e a ANPA de Beluso repartíronse o primeiro premio, cunha dotación de 100 euros para cada comparsa, e a ANPA de A Pedra e Os Malotes  repartíronse o segundo, con 50 euros para cada unha.

Pola súa banda, o Enterro do Paxaro de Mal Agoiro culminou coa entrega de seis premios. Na categoría de comparsas, o primeiro premio (300 euros) foi acadado por  “Os do Pinsel”, e o segundo (200 euros) por “Os Kantaclaro”. Na categoría grupos, o primeiro premio de 200 euros foi para “El cuerpo de moto”, o segundo de 100 euros para “Cheerleader” e o terceiro de 150 euros para “Ejipto”. E na categoría parellas, houbo un premio único de 150 euros para “Bote de ketchup”. O xurado estivo composto con representantes de todos os grupos políticos do Concello de Bueu, que resaltaron “o traballo na elaboración de disfraces, o seu colorido e o dinamismo e coordinación dos movementos durante o desfile”.

Con estes desfiles, o Concello de Bueu pecha o Entroido 2016, cunha diversificación dos premios e a división en máis categorías.

22 de febreiro de 2016 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.