Beatriz Mato insta aos axentes sociais a facer de Galicia un referente de respecto polo medio ambiente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Beatriz Mato no coloquio-almorzo do Círculo de Empresarios de Galicia

Beatriz Mato no coloquio-almorzo do Círculo de Empresarios de Galicia

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, apelou esta mañá a traballar na mesma dirección para sentar as bases que consoliden Galicia como un referente de conciencia e de respecto polo medio ambiente. Así o puxo de manifesto durante a súa intervención no coloquio-almorzo “Galicia, ante os retos da sustentabilidade”, celebrado esta mañá en Vigo e organizado polo Círculo Empresarios de Galicia, aos que invitou a participar neste obxectivo.

Mato defendeu que na actualidade os conceptos de sustentabilidade, economía baixa en carbono, economía circular ou eco-innovación teñen que asentarse na sociedade, polo que é preciso incorporar as administracións, os grupos políticos, os axentes sociais, a iniciativa privada… “en definitiva é preciso contar coa implicación de todos”, xa que apostar pola sustentabilidade é apostar polo futuro, por novos retos e novas oportunidades.

A conselleira de Medio Ambiente destacou que Galicia non pode ir detrás dos países máis avanzados, hai que traballar para alcanzar o seu ritmo e converter a Galicia nun referente medioambiental. Sinalou que se ben é certo que a conciencia dos galegos neste eido é maior cada día, a riqueza natural da Comunidade, das paisaxes, dos ríos e rías, do aire e os ceos debe ser protexida, conservada e posta en valor.

Explicou que -para acadar ese reto- o Consello da Xunta vén de aprobar o Catálogo das Paisaxes, a primeira parte do Atlas das Paisaxes que se completará coas Directrices e recordou que o proceso de elaboración do catálogo caracterizouse pola participación, xa que dende o inicio do proceso procurouse a máxima implicación cidadá. Como mostra da participación, destacou que máis dun 80% das áreas de especial interese foron sinaladas polos cidadáns e máis dun 30% foron identificadas exclusivamente no proceso de participación pública.

O Catálogo complementa a Lei do solo –aprobada polo Parlamento- nun dos seus obxectivos primordiais, a protección da paisaxe; ao tempo que dá resposta a unha das necesidades actuais de ordenación territorial, de desenvolvemento rural e de urbanismo responsable. Lembrou que está pensada para que todos os concellos de Galicia dispoñan dun planeamento e pon as ferramentas para acadalo.

“Preservar e conservar o territorio é un reto e máis aínda se falamos do 1,7% do territorio que representan os parques naturais”, matizou a conselleira. A conservación do incalculable valor ambiental, natural e paisaxístico ten que ser compatible coas visitas aos parques, sempre que se realice de xeito ordenado, sostible e poña a conservación como prioridade.

Nese senso, trabállase na creación dunha Rede Galega de Parques Naturais, xa que é imprescindible que os sete parques funcionen de xeito coordinado, aproveitando as sinerxías, traballando baixo unha planificación común, e por suposto, sempre respectando as peculiaridades de cada un deles.

A conselleira de Medio Ambiente destacou que apostar pola protección dos valores de Galicia tamén implica mellorar os recursos hídricos, xa que non só se produce un dano ao medio ambiente, senón tamén á calidade de vida. Grazas ao novo Plan Hidrolóxico, cunha vixencia ata o 2021 e un orzamento global de 655 millóns de euros, intentarase acadar o bo estado no 100% das masas de auga, que na actualidade se sitúa nun 77,5%.

Asemade, destacou que unha acción respectuosa polo medio ambiente tamén debe pasar por manter unha política activa e responsable de residuos, que ata o momento permitiu reducir un 11% a xeración de residuos per cápita nos últimos seis anos, eliminar 426 puntos de vertido incontrolado e incrementar nun 18% a rede de puntos limpos.

Ao longo de 2016 darase un novo paso nesta materia coa posta en marcha do novo Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia –o primeiro plan específico en Galicia na última década-. Entre os seus obxectivos destacan fomentar a máxima recuperación minimizando a eliminación, impulsar ao establecemento da economía circular e fomentar a redución da emisión de gases de efecto invernadoiro á atmosfera.

Para concluír, a conselleira afirmou que na actualidade vívese un momento clave para acadar un nivel real e global de desenvolvemento sostible, polo que a sociedade en xeral debe asumir que os recursos son finitos e que un crecemento irresponsable afectará inevitablemente á calidade de vida das xeracións actuais e, especialmente, das futuras.

16 de febreiro de 2016 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.