Augas de Galicia reafirma o seu compromiso coa mellora do saneamento de Vilagarcía de Arousa
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio reafirmou hoxe o seu compromiso coa solución dos problemas de saneamento do concello de Vilagarcía de Arousa, tal e como lle trasladou esta mañá o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, ao alcalde de localidade, Alberto Varela, durante un encontro de traballo.
Na xuntanza, confirmou que ese compromiso se reflicte tamén no Plan Hidrolóxico Galicia-Costa, que reserva ao redor de 9 millóns de euros durante os próximos 6 anos para executar obras de mellora de saneamento na localidade.
Ademais, trataron outros asuntos de interese que afectan ao concello. En concreto, abordaron a situación do expediente -actualmente en tramitación- que busca dar solución ao caso do edificio polo que pasa canalizado un afluente do río Con. A empresa constructora ten presentado un recurso de alzada contra a resolución na que se lle instaba a executar a fase pendente das obras de canalización, como alternativa á demolición do edificio ilegalmente construído en Dominio Público Hidráulico. Segundo detallou o director de Augas, o expediente seguirá o seu recorrido legal.
Por último acordouse co concello estudar un problema de inundacións nunha vivendas próximas ao río no lugar de Outeiro-Bamio que, a xuízo do concello, están causadas polas obra do Eixe Atlántico de Alta Velocidade.











