As listas de espera de todas as persoas valoradas e recoñecidas na actualidade nos tres graos de dependencia cubriranse en tempo récord
A Xunta de Goberno Local someterá mañá a aprobación de 4 asuntos referidos á Concellería de Asuntos Sociais, encamiñados ao benestar e á protección dos ourensáns en situación de risco ou vulnerabilidade social.
Así o avanzou esta mañá a concelleira Sofía Godoy, quen recalcou que “en tempo récord e por primeira vez, todas as persoas valoradas e recoñecidas na actualidade, nos tres graos de dependencia, contarán con cobertura total de servizo de axuda no fogar. Grazas á colaboración do Concello coa Xunta de Galicia, actualmente o 3º nivel do grao de dependencia (o máis grave) está totalmente cuberto, é dicir: non hai lista de espera a día de hoxe”.
O compromiso, segundo explicou Sofía Godoy, é que neste ano, os dous niveis restantes, queden igualmente cubertos. “É dicir: ofreceremos cobertura total a todos os dependentes, valorados e recoñecidos como tal, que residen na cidade. Unha xestión en tempo récord nestes case oito meses de goberno”.
Neste sentido, o goberno municipal levará á Xunta de Goberno a contratación do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Ourense.
Trátase dunha nova contratación do servizo, cuxa concesión rematou o 31 de decembro. Podíase prorrogar, pero desde o Concello estimouse que se producía incumprimento na asistencia básica do servizo e considerouse unha nova contratación.
Nas bases do prego, o Concello fai unha estimación total de 21.095 horas de prestación, o que supón 5.723 horas máis do realizado o pasado ano.
Temos que distinguir aquí as horas de Dependencia, un servizo en mans da Xunta pero que presta o Concello, 13.995 horas, e as horas de libre concorrencia, que son as que presta o Concello directamente en función dos informes técnicos.
O gasto estimado para este servizo de axuda no fogar é de 3.575.154 euros, case un millón de euros máis do que se gastou o pasado ano (2.655.266 euros). Estamos falando de arredor de 700 persoas ás que se lle presta servizo e para o que houbo que crear 60 novos postos de traballo: hai un total de 167 auxiliares traballando neste servizo.
Por outra banda, tamén no eido social, abordaranse mañá en Xunta de Goberno os seguintes asuntos:
1.- A ordenanza reguladora do réxime de funcionamento das 3 vivendas de emerxencia social no Concello de Ourense.
Trátase de 3 inmobles municipais adscritos á Concellería de Asuntos Sociais destinadas ao realoxo temporal de persoas en caso de emerxencia social sobrevenida.
É dicir: un incendio, unha catástrofe que implique ruina, desafiuzamentos inmediatos, relacións familaires insostibles, etc. sempre que non haxa posibilidade de aloxarse noutra vivenda.
O aloxamento será por un prazo de 3 meses prorrogables a 3 máis, e as solicitudes serán tramitadas polas traballadoras sociais do Concello.
2.- A aprobación do Convenio de Colabortación entre o Concello e la Caixa para o programa de axuda económica para alimentación básica mediante o sistema de tarxeta monedero. Foi presentado o pasado día 27, sendo un mero trámite administrativo para que teña validez e se poida aplicar inmediatamente.
3.- Unha subvención da Xunta de Galicia para a contratación temporal de persoas en exclusión social perceptoras da axuda da Risga.
Neste caso trátase de persoas que nós xa temos nos nosos itinerarios de inserción laboral, concretamente 628 unidades (que non persoas, segundo establece a nova lei).
Solicitaranse 30 traballadores cos seguintes perfiles: conserxes (5), operarios (18) e auxiliares administrativos (7). Contrátanse por un período máximo de 7 meses nos que traballarán ¾ partes da xornada laboral. O pago do seu salario é asumido no 80% por fondos europeos e nun 20% por fondos autonómicos.
O INEM fará a selección, estando nesa mesa unha funcionaria da Xunta de Galicia e unha técnica da Concellería de Asuntos Sociais.











