Arturo Parrado destaca a importancia da inclusión para acadar a interacción

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
O director xeral de Inclusión Social na entrega de diplomas. Foto: A. Varela

O director xeral de Inclusión Social na entrega de diplomas. Foto: A. Varela

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado Puente, participou na mañá de hoxe na entrega de diplomas dos cursos promovidos ao abeiro da orde de entidades de inclusión social. Na entrega de distincións que fixo Cáritas Interparroquial a 51 persoas de difícil inserción laboral pola súa participación en diversas accións formativas durante o ano 2015, o director xeral subliñou a importancia da inclusión social para acadar “a interacción das persoas coa sociedade cos mesmos dereitos e oportunidades”.

No acto que tivo lugar na sede de Cáritas e no que se entregaron as acreditacións dos cursos de camareira de andares, de mozo ou repoñedor de almacén, de dependente ou caixeiro de supermercado, así como os obradoiros de corte e confección e de español básico; Arturo Parrado salientou que tanto a Consellería de Política Social como o seu departamento traballarán “para que ningún galego ou galega quede esquecido nesta etapa tan importante que afrontamos chamada recuperación”.

Nas súas verbas, o director xeral de Inclusión asegurou que no novo cargo desempeñará o seu traballo “con lealdade, con honestidade e co maior dos compromisos”. Arturo Parrado subliñou que para conseguir que “as persoas que peor o están pasando poidan vivir un pouco mellor, teñan máis benestar e unha maior calidade de vida, apoiámonos e apoiarémonos no resto das administracións así como nas entidades sociais de Galicia, porque elas son as que mellor coñecen a realidade destas persoas”. Nesta liña recordou o aumento do orzamento autonómico destinado á Inclusión e precisamente lembrou que a Xunta vén de duplicar o investimento da Orde de Entidades de Inclusión Social.  

Programa de Emprego de Cáritas

O programa de Emprego e Inmigración de Cáritas Interparroquial no que traballan actualmente 17 voluntarios e un asalariado, realizou durante o ano pasado seis accións formativas nas que participaron 91 persoas.

Ao abeiro deste programa foron xestionadas 154 ofertas de emprego co resultado de 129 insercións laborais. No apartado de Inmigración abríronse 218 novos expedientes, atendendo a 1.501 estranxeiros.

3 de febreiro de 2016 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.