Artesanía de Galicia colabora co Museo Marco de Vigo na exposición de Grace Schwindt

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Centro Galego de Artesanía e do Deseño, colabora na exposición Levar unha casa, construír unha cidade, liderar unha revolución. Unha exposición en tres actos da artista alemán Grace Schwindt que se poderá visitar ata o 15 de maio no MARCO – Museo de Arte Contemporáneo de Vigo.

A xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, participou hoxe na rolda de prensa de presentación desta mostra comisariada por Agar Ledo e Gill Park, na que a artista contou coa colaboración na produción das pezas do ceramista coruñés Victor Ares e da artesá téxtil María José Martínez.

Con esta iniciativa o MARCO de Vigo acolle de novo unha colaboración da artesanía galega con sectores como o do deseño e a arte. Ata o 17 de abril tamén ten lugar a exposición Kanala da artista June Crespo na que colaborou o oleiro de Gundivós, Tomás López. Para a creación da exposición a artista contou coa colaboración do oleiro de Gundivós, que moldeou no seu torno unha serie de pezas de barro. A elaboración e a súa posterior intervención sobre cada unha delas teñen na condución o seu móbil. O resultado final combina o primario con sofisticado, a mecánica dos movementos empregados na produción artesán coa mecanización do proceso a gran escala.

A participación de Artesanía de Galicia neste tipo de proxectos de colaboración intersectorial enmárcase no Plan de Artesanía de Galicia, unha folla de ruta impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria coa que se busca acadar un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.

19 de febreiro de 2016 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.