Ángeles Vázquez reclama en Europa que se garanta a transparencia en toda a cadea produtiva do leite

Ángeles Vázquez na reunión con Joost Kort
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, vén de manter esta mañá unha reunión co director de Mercados da Comisión Europea, Joost Kort, programada dentro da súa viaxe a Bruxelas para a defensa do sector lácteo galego. Entre as súas peticións, Vázquez esixiu principalmente transparencia para a cadea produtiva: “É fundamental a transparencia en todos os eslavóns da cadea, da industria aos gandeiros e da distribución á industria”.
A titular de Medio Rural sinalou que este non é un traballo que só ten que facer España senón “todos os países europeos co fin de evitar a venta á perdas que tanto dano está facendo ao sector”.
Ángeles Vázquez tamén solicitou ao representante europeo que “se estude exhaustivamente o mercado” para comprobar o seu comportamento e ver o que está pasando. Ademais, de xeito puntual pero con urxencia, a responsable da Xunta reclamou unha suba dos prezos de intervención dado que se aproxima un momento complicado como é a primavera.
Por parte da comunidade, a representante do Goberno galego admitiu que “temos un traballo pendente, o da organización”. “Os gandeiros teñen que organizarse para ser máis fortes, ben a través de Organizacións de Produtores ou en cooperativas, non pode ser que sigamos tan fragmentados”, declarou a conselleira, pero tamén insistiu en que “hai un traballo que non depende de nós, senón da UE”.
Ángeles Vázquez trasladoulle a Joost Kort, como fixo onte co director de Desenvolvemento Rural, que a realidade galega é “singular” e que, polo tanto, non se lle pode esixir o mesmo que o resto. Pese a todo, insistiu en que o sector lácteo galego “é competitivo” e proba diso é o incremento da produción nun 15,9% que se rexistrou nos últimos anos.
Neste senso, a responsable de Medio Rural declarou que o director de Mercados foi “moi receptivo” ás súas propostas e que se comprometeu a estudalas para dar estabilidade ao sector. Ademais, a Consellería do Medio Rural insistirá nestas cuestións a través do Goberno de España no Consello de Ministros que está previsto para marzo.











